Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 21/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de Alcoa proseguen as mobilizacións en defensa da continuidade da factoría e o mantemento dos empregos

O persoal manifestouse dende as instalacións da empresa até a N-642, onde realizou un corte de tráfico durante case dúas horas
Os traballadores e traballadoras de Alcoa San Cibrao continuaron este venres co calendario de mobilizacións que veñen realizando nos últimos meses, diante do anuncio da empresa dun posíbel peche se non consegue unha tarifa eléctrica competitiva. Dende a CIG valórase a importancia desta cuestión, mais sublíñase a necesidade de que a multinacional asuma o compromiso de continuar coa actividade da factoría mariñá e de manter os empregos, e con este obxectivo reclámase ao goberno galego unha implicación real na defensa dos nosos sectores industriais.

Pasada ás dúas e media da tarde, centos de traballadores e traballadoras de Alcoa, e persoal das auxiliares, saían en manifestación dende as portas da factoría até a estrada N-642, a altura da rotonda de acceso a San Cibrao, onde mantiveron cortada a circulación do tráfico por espazo de dúas horas. Previamente, os membros do Comité, armados cunha pancarta que clama pola “defensa do emprego, a industria e da Mariña”, xa se apostaran dende a unha da tarde ás portas das instalacións para impedir a saída do persoal –coincidindo co cambio de quenda-.

Ante as ameazas de peche das instalacións, dende a Sección Sindical da CIG en Alcoa denunciaron a demora coa que está a actuar o Ministerio de Industria á hora de resolver a cuestión do marco tarifario, así como a desinterese amosado pola Xunta do PP á hora de facer unha defensa clara dos postos de traballo da industria máis importante da Mariña lucense. Así, lembran que da actividade de Alcoa dependen case 2.000 empregos directos (entre o cadro de persoal da principal e as industrias auxiliares) sen contar os outros miles de empregos derivados dos servizos (transporte, hostelaría, comercio, etc.).

Porén, alén do problema do prezo da enerxía, dende a Sección Sindical da CIG subliñaron que é imprescindíbel conseguir da multinacional do aluminio un compromiso de viabilidade da planta de San Cibrao e o mantemento de, cando menos, os actuais niveis de emprego. En canto ao número de traballadores/as, hai que lembrar as continúas denuncias da central nacionalista sobre as axustes ao mínimo que ten feito a empresa e o abandono no que se atopan as instalacións.

Sobre as garantías de futuro, a Sección Sindical apunta que de nada serviría negociar unha tarifa competitiva para Alcoa “se decide pechar cando teña posta en marcha a mega factoría de Arabia Saudita”. A cuestión da deslocalización ás instalacións que a multinacional está levantando no país saudita xa foi denunciada no seu día polos membros da CIG na Sección Sindical de Alcoa Inespal (A Coruña), que nestes momentos teñen vixente un ERE de suspensión.

De igual xeito, os representantes da CIG en San Cibrao amosaron os seu temor a que se poida repetir na Mariña o mesmo proceso que Alcoa está a aplicar na factoría de Cerdeña, para a que xa hai un peche programado se non aparece un comprador. 

Criticas á desidia do PP

Na mesma liña se manifestou o Secretario Nacional da CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas Aboi, “Tupi”, quen denunciaba a falta de implicación do Partido Popular de Galiza na defensa dos sectores produtivos do noso País, e neste caso, dunha industria chave para toda a comarca.  “Ademais de non pular por conseguir unha resposta ao problema do canon eléctrico, a Xunta non se implican en resolver a cuestión de fondo: que se garanta a continuidade industrial da fábrica e o mantemento dos postos de traballo na Mariña”, sinala.

Así mesmo criticou que por parte do Ministerio de Industria, nos contactos que mantén coa dirección polo tema da tarifa enerxética, non se lle estea a esixir á multinacional norteamericana ningún compromiso para garantir a continuidade da actividade en San Cibrao. Por iso, dende a CIG Metal pídese tanto o Goberno galego como ao español un compromiso claro co cadro de persoal, de modo que, no caso de que Alcoa non estivese disposta a manter a actividade na comarca, “sexa a propia administración a que se mobilice na procura dun comprador para garantir a continuidade da actividade”.

Novas mobilizacións

Dentro do calendario de accións de protesta organizadas polo Comité de empresa, o vindeiro xoves, 27 de setembro, está previsto que traballadores/as da factoría se trasladen até Santiago de Compostela para realizar unha concentración diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com