Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 22/1/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité Intercentros do grupo ENCE convoca folga para os días 18 e 19 de febreiro

Os paros afectarán ás fábricas de Pontevedra, Huelva, Navia e as oficinas pontevedresas e de Madrid
O Comité Intercentros do grupo ENCE vén de convocar folga xeral para os días 18 e 19 de febreiro en contra dos reiterados incumprimentos dos convenios colectivos e acordos, ante a falla de seguridade nos centros de traballo e para demandar un plano estratéxico de xestión empresarial viábel, que garanta o futuro dos empregos. A folga afectará ás fábricas de Pontevedra, Huelva, Navia e ás oficinas centrais de Pontevedra e Madrid.
Mobilización nas instalacións da empresa o pasado 4 de marzo.

Segundo informaron nun comunicado, a convocatoria de folga para os días 18 e 19 de febreiro supón a primeira medida adoptada polo Comité Intercentros (integrado por UGT, CCOO, CIG, SU e CSI) diante das continúas faltas de seguridade nos centros de traballo, que teñen ocasionado un elevado índice de sinistralidade, os reiterados incumprimentos dos convenios e acordos, a ausencia dun plano estratéxico de Xestión Empresarial viábel, os incumprimentos dos acordos despois do ERTE na fábrica de Huelva e a mala xestión do Grupo empresarial, que mesmo ten levado a unha falta de previsión no subministro da madeira. 

Políticas regresivas

Pola súa banda, as seccións sindicais da CIG e UGT dos centros Pontevedra, denunciaron a “política regresiva que ENCE está a levar a cabo”.Así, explican que a empresa está a saltar a lexislación vixente ao pagar as horas extraordinarias estruturais pendentes do ano 2009, como horas extras de “forza maior”. Isto podería supor unha fraude a Facenda e á Seguranza Social.

A dirección de ENCE tamén obriga a unha quenda do parque de Madeira a ir de vacacións, saltándose  o convenio colectivo e a Norma interna de vacacións, nos que se recolle que as datas das libranzas serán escollidas polos propios traballadores/as.

Como consecuencia de ter mandado de vacacións a esa quenda, sinalan no comunicado, o pasado día 18 a empresa quedou sen estelas e chamou á quenda de noite para facer horas extraordinarias, incorporándose ás seis da tarde en vez de ás dez da noite. De xeito que ese grupo traballou 12 horas continuadas, das que 8 son en horario nocturno. Por mor desta irregularidade, xa hai aberto un expediente a ENCE por facer traballar horas extras de noite a un operario, cando xa traballara a quenda das dúas ás dez da noite. Segundo denuncian dende a CIG e UGT, a empresa, ademais, negábase a pagar esas horas extraordinarias.

Contratos coa Mutua e inoperancia do Departamento de Saúde Laboral

No comunicado tamén se informa que a empresa, a pesar da oposición do Comité, contratou coa Mutua de Accidentes as continxencias comúns, coa intención de que a mutua “presione á Inspección de Traballo da Seguridade Social e que esta dea a alta á traballadores que aínda non están curados completamente das súas doenzas”. Segundo indican, con este contrato tamén se pretende encubrir “a ineptitude, inoperancia e ineficacia” do Departamento de Seguridade e Saúde Laboral (o índice de absentismo sobrepasou o 9% o pasado ano) que “o único que fai é reducir custos dun apartado como é a Saúde Laboral. Neste senso, dende as seccións sindicais critican que en vez de incrementar e mellorar os medios de protección, xestionar a seguridade, formar ou educar aos traballadores/as, ENCE limitouse a adoptar medidas tais como o despedimento do médico de empresa.

Así mesmo, denunciaron que a empresa estea a ocultar ao Comité de Seguridade e Saúde certos accidentes que se producen no Complexo industrial para así evitar que dito Comité abra investigacións.

cig.prensa@galizacig.com