O novo programa, que vén substituír o antigo “Libra” e está en funcionamento dende o mes de xuño, “resulta moito peor que o anterior; xa dende que se implantou os traballadores e traballadores do xulgado estanlle comunicando a medio de escrito a Administración as deficiencias encontradas no mesmo”, sen que polo Administración achegara unha solución ao problema. Esta situación está levando ao Xulgado de Violencia sobre a Muller de Pontevedra a unha sobrecarga de traballo tal “que se non se lle pon remedio de forma urxente este sumirase nun atasco moi difícil de atallar”, sinala Delmiro Durán, responsábel da CIG no Sector de Xustiza.
Durán critica tamén a desidia amosada pola Xunta de Galiza, pois tanto os traballadores/as como a propia central, en forma reiterada tanto por escrito como en conversacións e incluso en mesas sectoriais, trasladaron á Dirección Xeral de Xustiza as deficiencias que se atopan no programa e a situación á que está a levar o Xulgado.
Desaparición de documentos
A modo de exemplo do caótico funcionamento do programa, dende a CIG-Xustiza explican que os funcionarios e funcionarias teñen que ler todos e cada un dos impresos xerados polo ordenador, pois o software corta e pega de forma aleatoria varios documentos nun. Así non é raro ver que o Secretario do Xulgado aparece en procedementos como recorrente e noutros casos no encabezamento das resolucións non aparece o nome do Xulgado.
Mentres, os procedementos Civil non se tramitan por carecen de documentos. Unha vez rexistrados os procedementos desaparece o D.I., polo que pode dar erros posteriores cando aparecen persoas co mesmo nome a apelidos. Esta circunstancia fai que o trámite do procedemento se atrase considerabelmente “porque os traballadores/as xa non confían no mesmo e revisan todos os documentos, o que en definitiva fai que os ordenadores se convertan en simples máquinas de escribir”, afirma Durán.
Programa inadecuado
Esta clase de problemas non ocorría co antigo programa Libra, circunstancia que leva a pensar á CIG que o novo Minerva ou foi mal instalado ou non foi pensado para os Xulgados de Violencia. “De ser así, demostraríase o pouco interese que ten a Xunta de Galiza para a Administración de Xustiza e que pouco ou nada aposta pola modernización da mesma, pese aos anuncios e manifestacións feitos, cuestión esta que nos parece simple propaganda, pois a situación coñécena dende hai moito tempo e nada puxeron da súa parte para reparala”, denuncian.