Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 22/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Manifestación en Ferrol en contra da privatización do centro Souto de Leixa

O centro atende á persoas con discapacidade
Varios centos de persoas participaron o pasado sábado 20 de novembro na manifestación convocada en contra das intencións da Xunta de privatizar os servizos de atención a persoas con discapacidade achegados no centro Souto de Leixa. Dende a CIG-Administración de Ferrol esíxese á Xunta que manteña este servizo público, xa que é a única vía para garantir a cualidade asistencial e a continuidade dos empregos de traballadores e traballadoras que acumulan anos de experiencia.

As rúas de Ferrol acolleron o pasado sábado unha nova manifestación en contra das políticas privatizadoras que está a pór en práctica a Xunta de Galiza, e que neste caso afectan á xestión do centro de educación especial Souto de Leixa. Estas privatizacións, denuncian dende a CIG-Administración de Ferrol, implican confirmar unha política de apertura da xestión dos servizos sociais á empresa privada, poñendo a satisfacción de necesidades básicas da cidadanía ao servizo do beneficio das empresas privadas. 

Dende hai anos o CEE Terra de Ferrol (antigo Carmen Polo) comezou un proceso de segregación da parte de alumnos/as menores de 21 anos dos/as alumnos/as maiores de 21 anos, que actualmente conviven no mesmo centro. No ano 2005 iniciáronse as obras para a división física do centro, creando unha residencia para alumnos menores de 21 anos con unha capacidade para 35 residentes e a remodelación da parte dos alumnos maiores de 21 anos, quedando así divididos fisicamente os dous centros.

Xa co bipartito, no ano 2008, estabeleceuse unha distribución do persoal laboral, escribíndose daquela unha parte á Vicepresidencia e outra á Consellaría de Educación. Finalmente, en 2009 constituíse formalmente a denominada parte de maiores, baixo nome CAPD Souto de Leixa e que vai ocuparse dos alumnos de máis de 21 anos. Na actualidade hai 117 traballadores/as no CEE Terra de Ferrol, dos cales 55 son postos vacantes, coñecidos como interinos, mentres que o resto dos postos están ocupados por persoal laboral fixo. 

O pasado 13 de outubro, nunha rolda de prensa onde estaba o Delegado Territorial mais os Secretarios Xerais das Consellarías de Educación e Traballo, anunciábase a xestión privada do Souto de Leixa; mais en ningún momento a Xunta de Galiza se dirixiu ao Comité de Empresa ou Comité Intercentros para negociar esta problemática. Dende entón, os traballadores e traballadoras viñeron desenvolvendo un calendario de mobilizacións na defensa deste servizo público e dos seus empregos.

Dende a CIG-Administración de Ferrol advirten que privatizar estes servizos suporá o despedimento dun elevado número de traballadores e traballadoras con experiencia adquirida ao longo de moitos anos desenvolvendo as súas funcións e substituílos por outros en situación de maior precariedade laboral. “O respecto pola xestión pública dos servizos sociais é un elemento clave á hora de asegurar a súa calidade. Non son posíbeis uns servizos públicos de calidade sen unha forte presenza do sector público nesa área de actividade”, denuncian nun comunicado.

CIG-Administración exixe, xa que logo, que se manteña o carácter público da xestión que se realiza neses centros de referencia nas súas comarca se denuncia que “estamos diante dunha actitude de eliminación permanente de servizos públicos por parte do Partido Popular no goberno galego  e de converter a actividade que se estaba a desenvolver desde a Administración Pública Galega nun negocio.

cig.prensa@galizacig.com