A CIG-Metal acaba de sacar un número especial do boletín “O Espiño” con motivo da celebración das eleccións sindicais en Alcoa-San Cibrao a vindeira semana, no que se presentan as candidaturas completas da central nacionalista.
Así mesmo, no boletín dáse conta do traballo realizado nestes últimos catro anos polos delegados e as delegadas, así como os compromisos de cara ao futuro. Neste senso, os candidatos e candidatas da CIG márcanse como obxectivos a loita por acadar unha seguridade e saúde real na fábrica; a defensa do poder adquisitivo dos salarios; reclamar da dirección inversións para mellorar, renovar e dar garantías de futuro ás instalacións; incrementar e rexuvenecer o cadro de persoal; conseguir maior estabilidade na contratación e reducir a subcontratación; ou acadar melloras no convenio colectivo en materia de igualdade ou no desenvolvemento da Mesa polo Emprego.
Podes consultar o número completo de “O Espiño” descargando o arquivo adxunto a esta nova.