Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 22/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A comisión de seguimento das obras do novo hospital vigués velará polo cumprimento das condicións laborais nas subcontratas

O compromiso foi adquirido na primeira das xuntanzas, celebrada hoxe na Inspección de Traballo con sindicatos e empresas
A Unión Temporal de Empresas (UTE) que constrúe o novo hospital de Vigo comprometeuse hoxe a velar polo cumprimento das condicións laborais das distintas subcontratas que prestan servizo na obra, para o contará coa participación das organizacións sindicais. A decisión foi adoptada na primeira xuntanza da comisión de seguimento e control dos traballos que se constituíu despois de que a CIG-Construcción denunciase incumprimentos sistemáticos do convenio colectivo provincial.

O compromiso da UTE de investigar o cumprimento das condicións laborais nas subcontratas centrou a primeira xuntanza da comisión na que participan os sindicatos CIG, CCOO e UGT, a Inspección de Traballo e unha representación das empresas que executan as obras. Ademais, a reunión serviu para perfilar as distintas funcións que desenvolverá no futuro, entre as que figuran o seguimento das condicións de saúde e seguridade laboral ou o control de persoas e horarios. Ao mesmo tempo, velará pola non discriminación nos dereitos laborais e dotarase de mecanismos “para solucionar situacións extraordinarias nas necesidades da obra”.

Segundo explican dende a federación de Construcción da CIG, na xuntanza tamén se abordou a necesidade de establecer un calendario laboral que respecte a xornada e os festivos de convenio. Neste senso, as empresas comprometéronse a non realizar horas extraordinarias. Outra das decisións adoptadas foi a de que a comisión se constitúa coma un órgano colexiado “sen menoscabo da independencia das partes para adoptar as medidas que estimen oportunas”.

Os representantes da CIG aproveitaron o encontro para denunciar ante a comisión a existencia de distintas empresas que abonan salarios un 50% por debaixo do que establece o convenio, “sobre todo as subcontratadas por Hierros Santa Cruz, propiedade do ex alcalde de Sanxenxo e deputado do PP no Parlamento español, Telmo Martín”. A UTE tamén se compriometeu a investigar estas denuncias da central nacionalista.

Finalmente, a comisión creada despois de que a CIG paralizase as obras para denunciar os incumprimentos tamén facilitará o acceso sindical aos centros de traballo para garantir o seguimento e o control das condicións laborais.

cig.prensa@galizacig.com