Tres dos traballadores afectados por estes traslados forzosos son membros do comité de empresa, dúas compañeiras exercen o dereito de redución de xornada por coidado de crianzas menores, outra foi candidata da CIG nas eleccións sindicais, e a sétima é traballadora con contrato eventual.
Concentración no Concello
A concentración do sábado 20 de febreiro tivo lugar ás 12 da mañá, e aínda que estaba prevista unha manifestación, diante da acción de Subdelegación do Goberno, que denegou o permiso desta marcha, finalmente optaron pola concentración diante do concello, xa que estaban concertadas entrevistas, tanto co alcalde, Nelson Santos, como cos grupos municipais de BNG e PsdeG.
Entrevista co alcalde
O Comité de Empresa reuniuse co alcalde, Nelson Santos, a quen lle expuxeron a situación, e o medo ao desmantelamento, que comece pola parte da administración con estes despedimentos encubertos, mais que remate por afectar á produción da factoría, porque non teñen ningunha confianza non xestores actuais da empresa.
O alcalde comprometeuse a realizar o 22 de febreiro unha mediación cos empresarios, solicitando a suspensión da orde de traslado até que saian as resolucións xudiciais polas demandas presentadas polas traballadoras e traballadores afectados. Tamén reclamarán desde o Concello de O Porriño a mediación de Traballo e Industria neste conflito.
Ademais convocarase desde a corporación municipal un pleno extraordinario para sacar un posicionamento conxunto desta administración local.
O Comité tamén se reuniu co grupo municipal do BNG e co grupo municipal do PSdeG, que amosaron o seu apoio e solidariedade con estas traballadoras/es