O Comité e a CIG-Banca veñen reclamando a Caixa Galicia e Hewlett Packard, dende que o pasado 1 de decembro se fixese efectiva a venda da filial da caixa, que senten a negociar un acordo no que se comprometan a garantir o mantemento dos empregos e das condicións laborais dos máis de 100 traballadores/as da antiga CxG Gestión Operativa, máis alá do remate do convenio actual en 2011.
Non obstante, a entidade financeira desentendeuse do futuro das condicións laborais dos empregados/as e a multinacional vén de advertir aos traballadores/as que unha vez rematada a vixencia do actual convenio de oficinas e despachos, pasarán a ter como referencia o convenio do telemárketing, o que na práctica significará a conxelación salarial para a maior parte dos traballadores/as.
“Queremos negociar e non é posíbel, así que só nos queda recorrer ás mobilizacións. Cada reunión que temos con Caixa Galicia e HP é unha decepción completa e non nos deixan outra saída que visibilizar o conflito na rúa”, sinalaba Óscar Calvo, responsábel de CIG-Banca en A Coruña, quen tamén advertiu que o Comité e a CIG van continuar loitando pola aplicación do convenio de oficinas e despachos en CxG, como se veu realizando nos últimos anos. Por este motivo non se descarta a convocatoria de novas medidas de protesta máis contundentes.
O persoal de CxG Gestión Operativa, actualmente denominada Hewlett-Packard Procesos de Negocios, continúa realizando a xestión administrativa de Caixa Galicia e da súa actividade depende que os clientes da mesma cobren as súas nóminas, as súas pensións ou reciban as facturas da luz puntualmente.