O Comité da antiga CXG Gestión Operativa e delegados/as da CIG desenvolveron unha nova concentración este luns diante da Oficina principal de Caixa Galicia en A Coruña para reclamar á entidade financeira e á nova propietaria, a multinacional HP, que acheguen un compromiso de manter os niveis de emprego e as condicións laborais, máis alá do actual convenio, cuxa vixencia remata en decembro de 2011.
Hai que lembrar que Caixa Galicia vendeu a súa filial o pasado decembro á HP sen que ningunha das dúas entidades accedese sentar cos/as representantes dos/as traballadores/as para negociar un acordo que garanta os niveis de emprego e as condicións actuais do persoal. A este respecto, cómpre subliñar que os máis de 100 traballadores/as da actual Hewlett-Packard Procesos de Negocios estiveron desenvolvendo a súa actividade para Caixa Galicia durante os últimos 22 anos e mesmo agora, coa nova compañía, continúan realizando as xestións administrativas de Caixa Galicia. Por este motivo, a protesta volveu ter como lugar de referencia a Oficina principal da entidade, á quen se lle reclama que asuma a súa responsabilidade co colectivo de traballadores/as.
Cambios nas relacións laborais
Pola súa banda, HP non só non se comprometeu a garantir as condicións laborais e os niveis de emprego na empresa, senón que mesmo informou das súas intencións de cambiar o convenio de referencia, pasando de aplicar o convenio de oficinas e despachos ao do telemárketing. Esta mudanza, explica o responsábel de CIG-Banca en A Coruña, Óscar Calvo, suporía un cambio substancial nas condicións salariais e de traballo do persoal de Hewlett-Packard Procesos de Negocios, “que verían conxelada a súa antigüidade e non devengarían ningunha antigüidade máis, e, ademais poderían cambiarlle os horarios, os centros de traballo, etc”.
Calvo sinala que dende a venda da filial de Caixa Galicia se produciron cambios na relación laboral, propiciados pola inexistencia dunha xefatura física de HP en A Coruña; así mesmo,“tamén se notou que a interlocución do Comité coa dirección da nova empresa se veu reducida e que se está a implantar unha dinámica de imposición (xa se deu no caso das vacacións) que nos preocupa en gran medida”.