Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 22/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: Alfageme : : FGAMT-CIG : : Igape : : protesta : : vigo : : Xunta :

Traballadoras/es da conserveira Alfageme reclaman a implicación da Xunta cunha protesta en Vigo

Piden a dimisión do conselleiro de Industria e do director do Igape, que non deu detalles das ofertas de compra na reunión de onte
As traballadoras e traballadores da conserveira Alfageme dos centros de Vilaxoán, O Grove, Ribadumia e Vigo realizaron hoxe unha concentración diante da delegación da Consellería de Industria e do Igape na cidade olívica para denunciar a falta de información e a “nula implicación” da Xunta de Galiza no conflito laboral iniciado pola entrada da compañía na lei concursal. Representantes da CIG e do comité de empresa reclamaron a dimisión do conselleiro Javier Guerra e do presidente do Igape despois de que non lles trasladase os detalles das ofertas de compra existentes durante a xuntanza que tivo lugar onte.

A protesta, na que participaron máis de 150 persoas, desenvolveuse por espazo dunha hora diante da delegación da Xunta en Vigo. Durante a mesma puidéronse escoitar consignas como “Alfageme solución”, “Queremos traballar e non mendigar” ou “Xunta e PP a mesma merda é”. Os concentrados/as despregaron no lugar varias faixas nas que se reclamaba unha solución ao conflito e se denunciaba o papel da familia Lago, propietaria da empresa, e da Administración galega na súa xestión.

A secretaria comarcal da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, explicou que a xuntanza mantida onte co director do Igape non serviu para atopar unha saída á problemática derivada da suspensión de pagos e criticou que o representante público non ofrecese os detalles das ofertas de compra existentes até o de agora. “Recoñeceu que existen dúas propostas enriba da mesa pero non quixo falar de cantidades”, explicou, ao tempo que adiantou que se comprometeu a darnos unha resposta “nun par de días”. Abuín reiterou que a aposta da CIG e do comité de empresa pasa por apoiar a oferta que garanta o mantemento da maior cantidade de postos de traballo e instou á Xunta de Galiza a implicarse “dunha vez por todas e con seriedade” no proceso. “Non poden darlles un aval de 44 millóns de euros dos fondos públicos e non facer nada; esta situación pódese resolver se existe vontade política”, rematou.

Pola súa banda, o secretario nacional da FGAMT-CIG lembrou que dende que se iniciou o concurso de acredores “non tivemos ningunha xuntanza coa Administración a pesar de tela solicitado en numerosas ocasións”. Xosé Fernández Piñeiro fixo fincapé en que polo momento se descoñecen os detalles das posíbeis ofertas de compra que o conselleiro de Industria, quen ía a liderar o proceso despois de que se aprobase no Parlamento unha moción nese sentido, “dixo nos medios de comunicación que se tiñan producido”.

A mobilización de hoxe convocouse precisamente para reclamar información oficial, xa que de xeito oficioso os arredor de 350 afectados/as saben que o Consorcio Conservero Español, con sede en Cantabria, volveu realizar unha oferta polas plantas de Vilaxoán e Ribadumia “na que se comprometen a manter o emprego e a actividade industrial”, aínda que se descoñecen os detalles da proposta. Neste senso, dende a CIG anuncian que as mobilizacións continuarán até que a Xunta de Galiza ofreza datos sobre as xestións que está a realizar e os contactos que mantén cos posíbeis compradores. “Do contrario, o PP terá unha comitiva de Alfageme acompañando os seus candidatos nos mitins electorais”.

A central nacionalista e o comité de empresa apostan tamén por que se apoien os plans industriais que permitan manter os 140-150 postos de traballo existentes nos centros de Vilaxoán e Ribadumia, “o que tamén permitiría que as persoas de Vigo que solicitaron a rescisión de contratos poidan cobrar as indemnizacións íntegras”. Neste punto, Piñeiro explicou que presentarán un recurso para que os traballadores/as que “desoíndo as recomendacións da CIG” non pediron no seu día a rescisión de contrato poidan cobrar 45 días por ano traballado “e non os 20 que lles concederon na actualidade”.

Cartos públicos

O secretario nacional da FGAMT-CIG indicou que o conflito de Alfageme insírese nunha problemática que supera o eido estritamente laboral, “tendo en conta que a Administración galega pasará a ser a maior acredora da empresa xa que lle concedeu, a través do Igape, un aval de 44 millóns de euros que os bancos van executar”. Ao seu xuízo, esta xestión irresponsábel terá repercusións negativas para o conxunto da cidadanía galega, tendo en conta que os avais foron concedidos con fondos públicos.

En canto ao proceso concursal, Piñeiro explicou que se atopa en fase de liquidación, tal e como o xuíz decretou o pasado 8 de marzo. “Agora os administradores teñen 15 días para presentar o seu informe de liquidación”.

cig.prensa@galizacig.com