A CIG-Ensino remitiu un escrito ao novo conselleiro de Educación no que solicitan unha entrevista para “coñecer de primeira man” as medidas que a administración vai levar a cabo así como para trasladar as propostas da central, “nomeadamente naquelas que precisan unha negociación rápida e solución inmediata neste curso”.
Dende a Federación do Ensino reclaman que sexa convocada de xeito “inmediato” a Mesa Sectorial para negociar a oferta de emprego do ano 2009 para que “se poidan realizar as oposicións nas datas habituais”.
Así mesmo, a CIG-Ensino reiterou a súa posición a respecto do decreto de uso e promoción do galego no ensino e asegurou ao conselleiro que “para nós sería inaceptábel que se produciran medidas involucionistas en materia de normalización lingüística”, xa que, destacaron, “o noso idioma segue a ser a lingua desfavorecida no sistema educativo e nin sequera goza dos mesmo dereitos que o español”.