Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 22/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Paulo Carril, Secretario comarcal da CIG de A Coruña.

A asemblea de delegados/as da CIG de A Coruña fai un chamamento a participar na manifestación do 1 de Maio

Abordouse a reforma laboral e a necesidade de avanzar nun modelo económico máis xusto e solidario
Delegados e delegadas da CIG en A Coruña participaron na mañá deste xoves na asemblea comarcal previa á conmemoración do Día Internacional da clase traballadora. O Secretario Comarcal, Paulo Carril, foi o encargado de explicar os motivos e as reivindicacións que levarán á CIG novamente á rúa este Primeiro de Maio, unha data máis vixente ca nunca diante do recorte dos dereitos dos traballadores e traballadoras, chegados da man dos pactos de contención salarial, da reforma da seguridade social e dunha reforma laboral que pretende cargar na clase obreira as causas e as consecuencias desta crise mentres o capital continúa “campando as súas anchas”.

O Secretario comarcal da CIG de A Coruña comezou a súa intervención animando aos delegados e delegadas a participar na mobilización convocada para o vindeiro 1 de Maio, que sairá ás 12 horas da Praza de Vigo. Pero tamén convidou a acudir a manifestación na defensa dos servizos públicos que se vai desenvolver o domingo 25 de abril en Compostela ou nas diferentes iniciativas en contra dos ataques á nosa lingua.

As manifestacións do Primeiro de Maio veñen dar continuidade ás mobilizacións iniciadas pola CIG o pasado Día da Clase Obreira Galega. Paulo Carril referiuse á vixencia nas reivindicacións da emancipación da clase traballadora, “á luz das medidas económicas adoptadas e da reforma do mercado laboral que gobernos e patronal pretenden sacar adiante”.

O Secretario comarcal denunciou as chamadas Mesas de Diálogo Social como mecanismo no que se pactan as reformas económicas e laborais que profundan no retroceso dos dereitos da clase traballadora. “Sobre o desexo de evitar a reivindicación, a confrontación e a mobilización, os diferentes gobernos, a patronal, xunto a CCOO e UGT, estableceron un mecanismo de diálogo permanente, antidemocrático e de consecuencias nefastas, que responde a un modelo sindical entreguista. O Pacto social é claramente negativo porque pretende igualar os intereses da empresa aos dos traballadores e traballadoras”, denunciou.

A modo de exemplo, Carril referiuse ao pacto de contención salarial asinado o pasado mes de febreiro entre a patronal e CCOO e UGT, que, entre outras consecuencias, vai supor na práctica consolidar a enorme diferenza nos salarios dos galegos/as coa media estatal, agora co pretexto da crise, antes baixo o pretexto de buscar niveis que non “poña” en perigo ás empresas.

Desinformación na negociación da reforma laboral

No decurso da asemblea abordouse a reforma laboral “que pretende situar a orixe e as solucións a crise no mercado laboral”. A este respecto, Carril denunciou a falla de información precisa sobre as negociacións que se están a desenvolver en Madrid, pero que van na liña de abaratar o despedimento, ben reducindo as indemnizacións estendendo os contratos de fomento da contratación indefinida (que só teñen 33 días de indemnización por ano traballado) ou ben subvencionando directamente parte dos custos por despedimento, financiando co erario público as rescisións de contratos que decidan as empresas privadas; ademais de promover a implantación das empresas de traballo temporal, en troques de mellorar o sistema público de busca de emprego. Medidas todas contrarias a rematar coa precariedade e a inestabilidade laboral.  

Déficit e recorte dos servizos públicos

O secretario comarcal tamén explorou as consecuencias dos pactos de estabilidade estabelecidos no marco da Unión Europea, que viñeron a significar un recorte progresivo no gasto público e polo tanto, un retroceso nos servizos públicos. “O estado pasou a ten un papel residual e o público a ocupar un papel secundario. E neste camiño, en Galiza o PP apúntase a esta política de déficit 0 baixo a propaganda da austeridade, cando en realidade está a levar a cabo o desmantelamento de servizos públicos básicos como a sanidade, ou o ensino”, denunciou Carril. De aí a importancia de participar o vindeiro domingo, 25 de abril, na manifestación na defensa dos servizos públicos.

Falla de control do sistema financeiro

Carril reivindicou a necesidade de avanzar en mecanismos de control e regulación do sistema financeiro, verdadeiro culpábel da situación de crise, “que continúa campando as súas anchas”. Así, expuxo o recente caso da venda dunha parte importante das accións de R a unha sociedade luxemburguesa, feito que evidencia que continuamos co mesmo funcionamento na economía. Como pode ser que sexa imposíbel evitar que unha empresa especulativa compre capital de R, non para consolidar esta compañía nun sector fundamental para Galiza, senón para fomentar a especulación?, lamentou.

De aí a necesidade da intervención pública para sentar as bases dun novo modelo, ordenar a economía, controlar o sistema financeiro e combater a economía especulativa, que agora se está a trasladar os seus intereses do sector inmobiliario ao enerxético (no que Galiza é unha potencia) e ao das telecomunicacións.

cig.prensa@galizacig.com