A CIG-Saúde lembra no comunicado que, tras da activa e masiva contestación das poboacións das áreas sanitarias de A Mariña e Monforte, o Goberno do PP aseverou que ambas áreas non dependerían de Lugo.
Por este motivo, o Decreto de xestión integrada de Lugo quedou adiado, sendo un dos poucos que quedan por publicar. “Evidentemente cunhas eleccións á Xunta de Galiza por diante, a Consellería decide publicar ás escondidas (no medio dunha ponte e nun documento que non é o adecuado) que as Xerencias da Mariña e de Monforte, antes independentes, poden pasar a depender dunha única Xerencia de atención especializada, a de Lugo”, advirten.
De feito, no apartado de estruturas do Servizo Galego de saúde recóllese o seguinte: “Xerencias (atención especializada de Lugo). Asumen a xestión Integral dos recursos asistenciais de atención especializada (Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, Hospital Comarcal de Monforte, Hospital da Costa Burela), correspondentes as áreas sanitarias de Lugo, Monforte e Cervo”.
A respecto deste punto, a CIG-Saúde subliña que, alén de estar mal redactado, deixa a porta aberta á interpretación múltiple. “Unido isto ao parágrafo anterior, onde se reitera que a xestión da atención primaria segue a ser provincial, logran provocar unha confusión suficiente para poder ordenar arbitrariamente a xestión do sistema sanitario en Lugo”.
Promesas incumpridas
Hai dous anos, nunha visita do Sr. Feijoo a Monforte, este comprometeuse expresamente a facer unha área de Xestión Integrada sen dependencia de Lugo. Pola contra, o que se anticipa neste plan de ordenación de RRHH é que en canto pasen as eleccións, Lugo será unha área única provincial, como xa é actualmente Ourense, xerencia da que dependen hospitais tan afastados como Verín e O Barco. “O Sr Feijoo mentiulles a tódolos Monfortinos e Pilar Farjas a todos/as os/as Mariñaos”.
Os/as representantes sindicais alertan que o significado desta política sanitaria vén sendo a descapitalización da asistencia sanitaria nos hospitais comarcais, coa perda de servizos e de profesionais. Esta afirmación pódese corroborar perfectamente cando no propio plan se recollen:
- O uso de medios telemáticos que permitirían implantar as gardas de raios en Lugo, ou a centralización dos laboratorios para analíticas ordinarias.
- A modernización das infraestruturas. “Como van modernizar as infraestruturas dos hospitais de Monforte e Burela, cando en Lugo está todo novo e modernizado?”, preguntan. Nestes senso, denuncian que na actualidade ambos hospitais comarcais son “as plantas de reciclaxe” do SERGAS, xa que todo o refugallo sobrante en Lugo vai parar alí.
- A mobilidade forzosa do persoal. Previsibelmente cando pechen servizos nos hospitais de Monforte e Burela, o persoal será enviado forzosamente a traballar ao HULA, pero tamén os/as doentes deberán ser trasladados para seren atendidos/as.
Por outra banda, en Lugo o “rechamante e ben dotado hospital” (de medios e RRHH) foi deseñado para asistir á poboación da área sanitaria de Lugo, non para a asistencia á poboación de toda a provincia. Polo tanto, o máis probábel é que os recursos volvan ser escasos, a poboación chegue a estar peor atendida, lonxe da súa casa, as condicións laborais dos/as profesionais empeoren...
“Supoñemos que a vantaxe que lle verán a esta medida dende a Xunta é que é máis doado precarizar a asistencia se está centralizada, será máis doado facer concertos e privatizar servizos, mentres os/as traballadores/as e cidadáns/ás pagan a asistencia, as viaxes, as estancias.... e ven como se retroceden 50 anos na Política Sanitaria”, denuncian.
A CIG-Saúde rexeita este documento ao completo, xa que só se ensinou na Mesa Sectorial pero en ningún caso foi negociado. A maiores a Federación da central nacionalista considera que a utilidade final deste plan pasa pór dotar de plenos poderes unilaterais para a organización (provisión, mobilización...) tanto de profesionais como de servizos sanitarios, que irán claramente en detrimento da Sanidade Pública en calquera das dúas vertentes.