Desde primeiras horas da mañá os folguistas volvían concentrarse como nos anteriores catorce dias de folga desde primeiras horas da mañá nas zonas industriais ou diante dos seus centros de traballo. De Barreras partia unha marcha, que foi cara Bouzas, e logo continuou pola Avenida de Castelao, até chegar á Praza de América.
Marchas pola cidade
Desde a Praza de América encamiñaron os seus pasos até a Praza dos Cabalos, onde se encontraron con parte dos outros piquetes, que tamén chegaban a esta zona de encontro.
A presenza policial foi moito maior nesta xornada xa desde primeira hora, con numerosos furgóns policiais e facéndose notar en todo momento.
Asemblea na Praza do Concello
As marchas continuaron para confluiren na Praza do Concello, na que Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, se dirixiou ás persoas ali concentradas.
Malvido comezo a súa intervención indicando que "hoxe é un dia máis de folga, na que conxunto dos traballadores e traballadoras do Metal da provincia de Pontevedra saen ás rúas para loitar por un convenio xusto e para demostrar a súa dignidade na defensa deste convenio. Parecía que se abrían as expectativas dunha posíbel saída ao conflito nesta fin de semana. É certo que por parte das centrais sindicais expuxemos claramente que non tiñamos ningún problema en negociar o venres pola tarde, o sábado ou domingo, ou cando fixera falta. Na reunión da conselleira coa patronal dixeron que non ian negociar na fin de semana e que en todo caso se negociaría lnuns. Ás cinco da tarde hoxe ábrese de novo esa mesa de negociación, e aí estaremos para ver se realmente por parte da patronal hai vontade de negociar e tirar para adiante ou non".
Necesidade dunha posición de firmeza
O secretario nacional do Metal subliñou que "nós temos que continuar cunha posición de firmeza, non esquecer que este é o único convenio que está pelexando na rúa e con folga para rachar os topes salariais que nos quere impoñer a patronal, e temos que sentirnos orgullosos de facer iso".
"Sabemos que hai determinadas empresas que cada vez están nunha situación máis ao límite, e sabemos que por parte dos estaleiros se lle trasladou ás auxiliares que tiñan que axudar a desbloquear o convenio, e tamén sabemos que esas mesmas compañias axuliares no lugar de tomar boa nota dese recado o que fixeron algunhas delas foi tentar amedrantar e presionar aos traballadores que non continuaran secundando a folga, dicir diante disto que non imos admitir ningunha chantaxe", engadiu.
"Temos que sentirnos moi orgullosos"
Por último, Malvido sinalou que "estamos sendo a parte visíbel desa xente que é capaz de loitar por unhas relacións laborais dignas, e que é capaz de defender ao seu convenio, aguantando con firmeza, e temos que sentirnos moi orgullosos, porque imos ter que resistir se queremos gañarlle este pulso á patronal".
Provocación policial
Ao rematar a asemblea, continuaron as mobilizacións, comezando unha marcha que baixaba pola rúa Venezuela, e que estivo en todo momento acordonada por forzas antidisturbios, que camiñaron aos dous lados da manifestación, nunha actitude chulesca e provocativa.
Continuaron descendo pola Gran Via, Urzáiz e Colón, até rematar na rotonda do Areal, que comunica coa circunvalación. Aqui permaneceron os folguistas até perto das dúas da tarde.
Ao longo de toda esta xornada as marchas baixo un sol de xustiza estiveron cheas de ruído e forza colectiva, cos berros de "Metal, solución" ou "Somos traballadores, non delincuentes", entre as numerosas críticas á Policia.
Asemblea na rotonda
Sobre o camión da Forga, rematabase a xornada na última asemblea da mañá, na que interviña Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.
Alcántara, sobre a enorme presenza policial, indicaba que "aquí hoxe temos unha compañía enorme desde que saimos do concello, pero terán que entender que isto é un conflito laboral, un conflito de clases, non é un conflito armado, porque nos vimos desarmados pero o que temos é a razón e con iso non nos van vencer".
"Estamos no momento no que somos conscientes todos os dias de que pode ser o último, pero mesmo asi con esta esperanza, temos que camiñar até onde nós queramos chegar, porque eles teñen que ser conscientes de que temos esa capacidade, e hoxe foi unha demostración importante: continuamos a ser o Metal de Pontevedra, e iso multiplícanos, non nos resta", remataba Alcántara.
Os folguistas retornaban aos seus pontos de saída, e volvian combinar para teren asembleas á tarde nas centrais sindicais.
Galería de imaxes
Podedes visualizar máis de setenta imaxes desta xornada na galería gráfica da nosa web, na sección multimedia, ou nesta ligazón.