Representantes sindicais e traballadores permaneceron por espazo dunha hora (entre as 11.00 e as 12.00 horas) ás portas da sede central de Banesto na rúa Príncipe berrando consignas e repartindo información para denunciar que o banco reduciu a súa plantilla en 774 persoas (52 delas en Galiza) nos últimos 18 meses a pesar de declarar 824 millóns de beneficios en 2009 e recibir axudas estatais de 1.301 millóns.
O secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, lembrou tamén que en Banesto en Galiza estanse a facer máis de 240.000 horas extras anuais non declaradas, o que equivalería á creación de 150 novos postos de traballo. Dende a central nacionalista sinalan que isto supón unha auténtica fraude e anunciaron que continuarán a denunciar a situación nas vindeiras semanas.
Montero criticou tamén os máis de 278 traslados que se levaron a cabo nun só ano nun plantel de 513 empregados, o que supón a destrución de 200 postos de traballo netos, e puxo de manifesto que o medo á mobilidade xeográfica “está a ser utilizado como medida de presión porque o traslado fóra das cidades de orixe dos traballadores facilita a submisión de calquera empregado que pretenda manter o seu posto”.
Protesta en Caixanova
A sede principal de Caixanova en Vigo, na rúa García Barbón, tamén recibiu a visita dos delegados da CIG. Os representantes sindicais reclaman un plan de futuro negociado e esixen ás direccións das caixas que faciliten información “veraz e completa” sobre o proceso de fusión. O secretario nacional da Federación da Banca insistiu en que o sindicato está loitar polo dereito dos traballadores a negociar todo o que teña que ver co emprego e as condicións laborais. Clodomiro Montero advertiu que a creación da nova caixa suporá a perda de arredor de 2.400 postos de traballo en cinco anos e censurou o feito de que a día de hoxe “só estean garantidos os postos dos directivos”. Caixanova e Caixa Galicia teñen na actualidade 7.800 empregados e xa anunciaron que para 2015 contarán con 5.400.
A protesta, que incluíu reparto de información e foi moi ruidosa, desenvolveuse entre as 12.00 e as 13.00 horas e durante a mesma berráronse consignas en defensa dos postos de traballo e pedindo a dimisión dos directores xerais das dúas caixas galegas polo seu papel no proceso de fusión.