O co-voceiro da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, subliña que esta traballadora estaba a padecer unha persecución laboral dende que hai varios anos esixira os seus dereitos laborais e denunciara diante da central nacionalista a algún cargo directivo que beneficiaba a un familiar seu en detrimento doutras compañeiras de traballo.
Por parte da directiva, matiza Pintos, intentaron “sancionala con mentiras, e como presentou alegacións aos expedientes de sanción que lle enviaron, desmontando todas esas mentiras”, a xunta directiva decidiu despedila alegando “baixo rendemento” e recoñecéndolle unha indemnización de 45 días por ano de traballo.
“Dende a CIG queremos sinalar que nos parece un disparate, nos tempos que corren, que unha xunta directiva despida a unha traballadora sen ningunha causa legal –recoñece o despedimento improcedente-, gastando todos os fondos que ten a asociación e co único obxectivo de sacar do medio a unha traballadora moi competente, pero que non baixa a cabeza diante das inxustizas”, asevera.
A central sindical estuda recorrer o despedimento e levar a cabo mobilizacións diante da sede da Asociación Radio-Taxi Ferrol