Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 22/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Convocadas mobilizacións en Emesa Trefilería ante o anuncio da dirección de pechar a fábrica e despedir a todo o persoal

Os traballadoras/as farán unha primeira concentración o xoves 28 de xuño, ás 12:00 horas, diante dos edificios da Xunta na Coruña
Os traballadores e traballadoras de Emesa Trefilería acordaron iniciar un calendario de mobilizacións, logo de que este venres a empresa comunicase que as súas intencións de pechar a fábrica de Arteixo e despedir aos seus 70 empregados/as. A primeira destas protestas terá lugar o vindeiro xoves, 28 de xuño, ás 12:00 horas, diante dos edificios administrativos da Xunta na Coruña.

Aínda que o expediente non foi presentado de xeito oficial, a información trasladada este venres vén confirmar as denuncias feitas nos últimos meses polo Comité, nas que se advertía de que o propietario (o grupo luso Previdente) estaba a provocar premeditamente unha situación de perdas económicas, desviando carga de traballo a outras empresas que posúe no norte de Portugal, co obxectivo de centralizar alí a produción e pechar Emesa Trefilería.

O luns desta mesma semana, o persoal realizou unha protesta a través da que quería denunciar publicamente a difícil situación na que se atopaban, xa que dende o pasado mes febreiro non tiñan información a respecto das intencións do propietario da fábrica.

Neste senso, dende o  Comité explícase que a empresa continúa sen ter materia prima para poder realizar os traballos, o que cal provoca un incremento das perdas. Aproximadamente, segundo os seus cálculos, a empresa leva perdidas unhas 7.000 toneladas de pedidos no que vai de ano, a causa, precisamente, de non poder servir os pedidos. Ademais, traballos xa confirmados foron anulados polo mesmo motivo.

Concentración nos edificios da Xunta

A representación do persoal volveu lamentar novamente o desinterese da Xunta de Galiza pola situación da empresa e o futuro dos empregos, xa que a Consellaría de Industria aínda non contestou á solicitude de reunión remitida a primeiros de maio. Por iso mesmo, e á vista do anuncio do peche, os traballadores e traballadoras van realizar unha concentración diante dos edificios da Xunta na Coruña o vindeiro xoves, 28 de xuño, para reclamar do Goberno galego que actúe con toda a contundencia para evitar unha nova desfeita laboral no sector industrial da comarca.

cig.prensa@galizacig.com