Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 22/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Saúde rexeita a colexiación obrigatoria e que se faculte a un órgano alleo á Administración para a validación profesional

A Organización Médica Colexial e o Consello Xeral de Enfermería adhírense ao Pacto de Estado pola Sanidade a cambio do Ministerio requirir a colexiación forzosa para o exercicio profesional
A Organización Médica Colexial e o Consello Xeral da Enfermaría asinaron un documento de adhesión aos acordos acadados no Consello Interterritorial sobre o Pacto Pola Sanidade, ao tempo que expresan o recoñecemento e o liderado do Ministerio de Sanidade e Política Social neste proceso. A cambio disto, a Ministra de Sanidade apoiará que, cando se desenvolva a disposición transitoria cuarta da “Lei Ómnibus” e se aprobe a “Lei de Servizos Profesionais”, que determina o catálogo de profesións que requiran para o seu exercicio unha adscrición colexial forzosa, a devandita  Lei recolla a colexiación obrigatoria para o exercicio das profesións sanitarias universitarias.

A CIG-Saúde manifesta a súa disconformidade con este acordo, xa que neste troco o Ministerio de Sanidade faculta aos colexios profesionais para exercer funcións que son competencia da Administración sanitaria, que é a responsable da prestación de servizos e a empregadora das traballadoras/es da sanidade pública.

De entre as competencias que se recollen no documento, CIG Saúde denuncia que os colexios de médicas/os e enfermeiras/os, na súa calidade de autoridade competente e órganos reguladores, realizarán a certificación e re-certificación que permita comprobar que estes profesionais manteñen en todo momento as competencias necesarias para exercer a súa profesión, en aras da seguridade e da boa saúde dos doentes ou clientes.

Alén diso facúltaselles para velar porque as/os medicas/os e as/os enfermeiras/os se comuniquen cos doentes de maneira facilmente comprensible para elas/es. E para que sexan veraces ao ofrecer a información as/os doentes e para garantir que as/os profesionais obteñan o consentimento do doente de maneira válida e a confidencialidade na relación entre profesionais e doentes, “velarán porque as/os medicas/os  e as/os enfermeiras/os non revelen información confidencial ao menos que a lexislación así o requira”.

Desde a CIG-Saúde pregúntanse se esta boa práctica non a están a ter xa as/os traballadoras/es do sistema sanitario e afirman que, de non ser así, debería ser a  Administración Sanitaria a que avaliase o desempeño profesional e non os colexios profesionais, que son entes privados alleos á Administración.

A Lei 16/1986. Lei Xeral de Sanidade, non outorga no entramado do Sistema Nacional de Saúde ningún papel aos colexios profesionais, nin vincula a asistencia sanitaria pública á obrigatoria integración das/os profesionais nos respectivos colexios. Por todo isto, CIG-Saúde manifesta o seu rexeitamento á colexiación obrigatoria e que se faculte de competencias a un órgano alleo á Administración para facer a validación da competencia profesional.

cig.prensa@galizacig.com