Os sectores máis afectados foron Servizos, que multiplicou por catro o número de expedientes, e Construción, que segue en situación de profunda crise e é o sector que rexistrou maior número de empresas que presentaron ERE.
A CIG de Ourense cualifica de “grave e alarmante” esta situación de perda de emprego que se segue dando nesta provincia, onde segundo datos da propia Xunta de Galiza, estes procesos supuxeron un aumento do 24% de empregos afectados, ao que hai que engadir o incremento de despedimentos individuais e pequenas empresas que pechan as súas portas sen seguir o proceso de ERE.
O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco explica que, “segundo temos comprobado, outras empresas que teñen dificultades, van presentar novos expedientes de despedimento nos próximos meses, que poden supor un novo incremento nestes datos de aumento de ERE”.
Desde a CIG de Ourense fan un chamamento ao Goberno da Xunta para que, a través das consellarías de Traballo e de Industria, se poñan en marcha plans de axuda para manter o emprego nestes empresas e “deixen de ser simples rexistradores de ERE e de desempregados/as”.
Blanco fai un chamamento á administración autonómica asegurando que “a potenciación dos sectores básicos da economía ourensá debe ser unha prioridade para o goberno galego para frear a desertización industrial que padecemos e acabar coa discriminación que sofre esta zona”.