Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 22/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino demanda de Educación que rescinda os concertos educativos cos centros que segregan por razón de xénero

Anxo Louzao afirma que eses cartos deben reverter no ensino público, máis nun momento no que está a padecer todo tipo de recortes e supresión de unidades
A CIG-Ensino vén denunciando, desde hai anos, os concertos educativos cos centros que segregan alumnado por razón de xénero. Centros aos que se destinan cartos públicos que están a utilizarse para reforzar un ideario pedagóxico reaccionario ao servizo do Opus Dei. A sentenza do Tribunal Supremo, que vén de se facer pública, confirma que efectivamente estes concertos educativos contradín a lexislación. Por iso, a CIG-Ensino agarda que a consellaría de Educación proceda a súa inmediata rescisión e que eses cartos revertan no ensino público.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembra que a central sindical “alén de reprobar estes concertos educativos” leva anos demandando da consellaría de Educación a súa retirada. Malia iso, Las Acacias, Monte Castelao e Aloya, en Vigo e Montespiño e Peñarronda na Coruña, seguiron obtendo subvencións de arredor de 3 millóns de euros, a través destes concertos.

A CIG-Ensino ten presentado tamén un recurso perante o Supremo para o que agarda unha sentenza similar as que xa se teñen ditado. Sentenzas nas que, segundo as informacións publicadas en distintos medios, o Supremo considera que existe unha incompatibilidade coa Lei Orgánica de Educación, que estabelece que na admisión de alumnos non poderá haber discriminación, entre outras, por razón de sexo e que leva o alto tribunal a considerar que iso, déixaos fóra da posibilidade de seren subvencionados.

 Ante isto, Anxo Louzao agarda que a rescisión dos concertos con estes centros se faga efectiva xa para o vindeiro curso escolar e demanda que eses cartos revertan no ensino público “nun momento no que está a padecer todo tipo de recortes e supresión de unidades”.

Afirma que o que se evidencia con esta sentenza é que o PP actúa de “maneira partidista e en base a criterios ideolóxicos” e non co obxectivo de preservar un modelo educativo igual para todos. “Estamos ante un modelo de centros reaccionario, nas antípodas do que debe ser a educación coeducativa e que nin sequera permite a educación mixta, na medida en que estes centros non escolarizan alumnado de distinto xénero. Modelos educativos superados desde o franquismo que van en contra da organización democrática dunha sociedade, dos principios pedagóxicos de igualdade e de coexistencia e non de crear roles diferentes segundo o xénero”.

cig.prensa@galizacig.com