Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 22/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O pasado venres, día 17, a FGAMT-CIG, convocaba unha asemblea á que asistiron mariñeiros da flota cefalopodeira afectados polo convenio asinado pola UE con Mauritania, para analizar as súas consecuencias e acordar mobilizacións. Demandan que se renegocie o acordo e que se habiliten axudas mentres non poden regresar ao caladoiro.

Mariñeiros e CIG reúnense co BNG en Marín para abordar o problema da flota cefalopodeira expulsada de Mauritania

Os nacionalistas presionarán en todas as instancias para conseguir a anulación e posterior renegociación do convenio asinado pola UE
Mariñeiros da flota cefalopodeira e representantes da FGMAT-CIG, reuníronse este martes coa europedutada nacionalista, Ana Miranda, e co deputado no Parlamento de Galiza, Bieito Lobeira, en Marín. Tras analizar as consecuencias que este convenio está a ter xa para o sector, o BNG comprometeuse a seguir presionando para conseguir a súa anulación e que os barcos galegos poidan seguir pescando.

O representante da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, valorou o encontro como moi positivo porque permitiu ao colectivo de tripulantes explicar a súa situación e coñecer as iniciativas que o BNG vén presentando tanto no Parlamento de Galiza como no Europeo. Aboi adiantou ademais que teñen prevista, proximamente, unha xuntanza ao máis alto nivel en Bruxelas.

Tanto Miranda como Lobeira lembraron que o BNG viña alertando de que, de asinarse o novo convenio, quedaría excluída a flota cefalopodeira galega. Ante isto, presentáronse preguntas en ambos os parlamentos. En concreto unha, no mes de maio, dirixida á Comisaria de Pesca quen, na súa resposta, recorreu a argumentos científicos para xustificar a expulsión dos pesqueiros galegos.

Desde o BNG asegúrase, e así llo fixeron saber tanto á CIG como aos afectados, que os informes nos que se apoiou a Comisión carecen de rigor científico, porque son de 2008 e para estudar os cefalópodos é necesario un seguimento anual.

De feito, Miranda subliñou que existen informes posteriores, de 2011, nos que queda constatado que a poboación do polbo está completamente recuperada, pero que non foron utilizados para desenvolver este protocolo. Denuncia que o Estado español non actuou en forma algunha e que a Xunta de Galiza tampouco non exerceu o seu papel exixíndolle ao goberno central, que é quen ten capacidade para negociar en Bruxelas, que defendera os intereses da flota galega.

Os representantes nacionalistas anunciaron que na vindeira semana presentarán novas iniciativas en ambas as cámaras. No caso do Parlamento Europeo, en concreto, ante a Comisión de Pesca,  para que se anule o actual acordo e se abran novas negociacións en base aos ditames científicos actualizados.

Para o conxunto da UE este convenio só supón a eliminación dun 30% da flota, pero para Galiza implica a desaparición do 99% dos buques que faenaban en Mauritania, o que se traduce en 24 barcos e 500 persoas que dependen directamente disto, alén de afectar á estrutura económica do Morrazo.

Axudas

En todo caso, e mentres non se renegocia o acordo, a flota segue paralizada e os tripulantes sen axudas. Aboi lembra a urxencia de que se dea solución a este problema, porque entre o xoves e o venres remata o prazo para que estes traballadores, que na súa grande maioría teñen contratos por obra, soliciten a prestación por desemprego.

Para exixir unha solución, o pasado venres concentrábanse diante da delegación do Goberno en Pontevedra e o luns á tarde reuníanse coa conselleira de Pesca, Rosa Quintana, que se comprometeu a facer as xestións necesarias para a súa tramitación.

cig.prensa@galizacig.com