O secretario comarcal da CIG-Construción en Lugo, Antonio Niño, sinalou que non se chegou a un acordo entre os representantes dos traballadores/as e a dirección, aínda que xa se deron por pechadas as negociacións previas á presentación do expediente de regulación. Este mércores, o conxunto do persoal decidirá, nas dúas asembleas que se van celebrar coincidindo coas quendas de traballo, se acepta ou rexeita as condicións propostas pola filial de Finsa.
O ERE, con carácter temporal afectaría a case a totalidade do cadro de persoal, unhas 280 persoas, e tería unha duración de 14 meses, co compromiso de que os traballadores permanecerán no paro un máximo de 102 días. A empresa, dedicada a fabricación de taboleiros de madeira, tamén garantiu o mantemento do 90% dos salarios e do 80% das pagas.
Dende a CIG-Construción de Lugo a proposta da empresa suscita desconfianzas a respecto de como vai utilizar este expediente de regulación, que en algúns aspectos consideran fraudulento, para conseguir unha maior flexibilidade do persoal.