Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 23/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As traballadoras da limpeza do Hospital de Cee acordan suspender a folga ao impórselle uns servizos mínimos de case o 100%

Ante a imposibilidade de desenvolver o paro indefinido, o persoal manterá o calendario de concentracións previsto para os mércores
A asemblea de traballadoras da limpeza do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee acordou suspender a convocatoria de folga indefinida, mais manterá o calendario de concentracións previstas. Esta decisión chegou logo de coñecérense os servizos mínimos impostos pola administración (publicados no DOG do venres) e que practicamente supoñen manter o 100% da actividade, imposibilitando deste xeito o desenvolvemento da folga.

A representación do persoal entende que estes servizos mínimos vulneran o dereito á folga das traballadoras, pois coa actividade imposta de luns a venres habería máis empregadas traballando en folga que nun festivo, sábado ou domingo.

Ante esta situación, as traballadoras acordaron suspender a convocatoria de folga, pero manterán o calendario de concentracións, que se realizarán cada mércores entre as 10 e as 10:20 horas. Hai que lembrar que aínda esta pendente de resolverse o recurso de servizos mínimos da anterior folga así como as resolucións da Inspección de Traballo a respecto da denuncia presentada a pasada semana pola parte social por este mesmo motivo.

A empresa concesionaria négase a aceptar a mediación da administración

A CIG e a UGT, organizacións sindicais que representan ás traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Hospital de Cee, tamén denunciaron publicamente a negativa da empresa concesionaria do servizo, Limpisa Grupo Norte, a aceptar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para buscar unha solución dialogada ao conflito.

A CIG e a UGT solicitaron a pasada semana un AGA (acordo interprofesional  galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) no Consello Galego de Relacións Laborais coa intención de acadar unha solución dialogada ao conflito, diante da reiterada negativa da empresa e a Xerencia a abrir unha mesa de negociación.

Sorprendentemente, Limpisa négase a someterse á mediación da administración galega. As organizacións sindicais entenden que este rexeitamento da mediación débese ás presións realizadas pola Xerencia do Hospital, que amosa así unha vontade nula para buscar unha solución ao conflito, unha falta absoluta de responsabilidade, tendo en conta que a folga afecta a un servizo público especialmente sensíbel, e un incomprensíbel interese por fechar calquera vía de negociación.

cig.prensa@galizacig.com