O acto estará presentado por Nazaret López e contará coa participación da cantautora María Xosé Silvar, Sés, que estará acompañada á guitarra por Xabier Olite, o grupo Som do Galpom, o monologuista Celso Sanmartín, o actor Federico Pérez, os escritores Carlos Negro e Séchu Sende, as contacontos Divina Fernández, Bibiana Calvo, o xornalista e actor Manel Pardo, a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, Nel Vidal (CTNL), Rosa Aneiros (Colexio de Xornalistas), Enrique Sanfiz (Sonradiofusión) e Santiago Montes (Sindicato de Xornalistas de Galicia).
Todas as persoas que colaboran no acto fano de xeito desinteresado e totalmente de balde. A entrada será gratuíta. Os organizadores animan a toda a veciñanza amiense e da comarca a que acuda a este festival para expresarlle ao goberno de Ames a súa oposición ás medidas anunciadas de peche de servizos e despedimento de traballadores.
O Comité de Empresa do Concello de Ames e os nove traballadores/as afectados pola proposta de despedimentos presentada polo goberno municipal están traballando de maneira conxunta para organizar un festival de apoio aos servizos públicos de Ames. Cómpre destacar que todas as persoas que participarán neste acto farano de xeito desinteresado e non cobrarán nada. Isto é unha mostra clara de compromiso e apoio aos servizos públicos de Ames de diferentes colectivos do ámbito cultural, da comunicación, da lingua, do medio e doutros sectores da sociedade galega.
A través deste festival preténdese facer reflexionar ao goberno municipal co obxectivo de que retiren a proposta de despedimentos que implica o peche de varios servizos municipais como son a radio municipal (Ames Radio), o Servizo de Normalización Lingüística, a brigada medio ambiental, o Servizo de Animación á Lectura e parte do Servizo de bibliotecas municipais. O evento será totalmente gratuíto polo que se anima a toda a veciñanza amesán e da comarca a que acuda a este festival para expresarlle ao goberno de Ames a súa oposición a estas medidas.
O cartel do festival está encabezado pola artista Sés. María Xosé Silvar lidera Sés con unha impoñente voz. Formada na música e en baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 creou xunto a tres amigos o grupo Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Despois de máis de 30 concertos por toda Galicia con Chámalle Xis! e despois de colaborar con grupos como Zënzar, AiraPro produce o primeiro álbum de María Xosé Silvar (ou Sés, como se lle chama na casa), con temas propios e acompañada dunha banda de músicos profesionais. Un proxecto en feminino no que o carácter, a forza e a creatividade de María Xosé rompe o molde da muller na música galega. En xullo de 2011 edítase o primeiro disco de banda, titulado Admirando a condición que é o que se presentará en directo o próximo 27 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns. No Festival, Sés estará acompañada á guitarra por Xabier Olite.
A parte musical do Festival completan os amesáns Som do Galpom. Vinculados especialmente á emisora municipal de Ames á que sempre consideraron como o seu “primeiro fogar mediático”, os da Moniña, que mesturan reggae, funky e rap cunha sólida formación musical e unhas letras intelixentes, gañaron no 2008 o Foundation Reggae Festival, e despois o II Certame Nsaio no Camiño. Despois dun primeiro EP que levaba por título o propio nome do grupo, en marzo de 2009 publicouse o seu primeiro disco, En Terra de Ninguém.
Apoio do sector cultural galego
O ámbito cultural estará representado por Carlos Negro, poeta amesá e profesor de lingua e literatura galega. Ademais de participar no 2003 proxecto colectivo "Negra sombra", unha intervención poética contra a marea negra, ten colaborado en diversas revistas de literatura e poesía, entre as que se encontran Olisbos e Dorna.
Outros dos escritores galegos que participarán no festival Séchu Sende. Iniciouse como poeta vinculado ao Colectivo Poético Serán Vencello, formando parte da xeración dos 90 e que máis tarde se revelou tamén como un dos narradores de principios do século XXI. Licenciado en Filoloxia Galego-Portuguesa, como sociolingüista foi cofundador da Cooperativa Tagen Ata, Língua e Comunicación. En 2003 gañou o Premio Blanco Amor coa novela Orixe. O seu libro de conxunto de relatos curtos Made in Galiza (2007) recibiu o Premio Anxel Casal ao Mellor Libro do Ano, concedido pola Asociación de Editores Galegos. No ano 2010 publicou o libro ilustrado Animais, un conxunto de textos e deseños que forman un himno á vida natural e unha denuncia do progreso mal entendido, desde múltiples rexistros, desde a ironía e o humor até o surrealismo. Na súa última obra, O Caçador de Bruxas resalta o poder da creatividade e a importancia da cooperación e a solidariedade para loitar contra a opresión.
Tamén haberá contacontos. Divina Fernández e Bibiana Calvo, traballadoras municipais do servizo de animación á lectura da Biblioteca municipal e que se atopan incluídas na proposta de despedimentos presentada polo goberno municipal, subirán a escenario, para facernos reflexionar cos seus contos.
O actor e humorista Federico Pérez, coñecido entre outras cousas polo seu papel de Josito bedel na serie da Televisión de Galicia “Padre Casares” e o xornalista e actor Manel Pardo, ambos os dous veciños de Ames farán senllos monólogos que axudarán ao público a entender a realidade do conflito.
Tamén participará no Festival o contador e poeta la Celso Sanmartín, autor, entre outras obras de “O tigre das cenorias”, “Propiamente son captivo” e “Gratas e boas novas”e colaborador en diversos proxectos das bibliotecas municipais e do Servizo de Normalización Lingüística.
O Festival contará ademais coa presenza de diferentes persoas e institucións entre os que se atopan Alba Nogueira, profesora de dereito administrativo da USC e última premiada, xunto co Concello de Ames, no Premio Lois Peña Novo, Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, Rosa Aneiros do Colexio Oficial de Xornalistas, Henrique Sanfiz, secretario de Sonradiofusión, Asociación de amizade coa Radio Local, e Santiago Montes, secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galicia.