De esquerda a dereita: Andrés Rodríguez ( USTG), Xulio Abelleira (CCOO), Manel Grandal (CIG) e Cesáreo Fraga (UGT) durante a rolda de prensa.
Manel Grandal, co-responsábel da CIG de Ferrol trasladou a preocupación das catro centrais sindicais ante o resultado da reunión, xa que no encontro o Delegado do Goberno veu avalar a desproporcionada actuación policial “chegando a insinuar que a policía actuou así para se defender”. En canto á petición de investigación sobre trato vexatorio e as torturas padecidas por López Pintos en comisaría, Juárez amosouse tranquilo, deixando toda a responsabilidade no eido do proceso xudicial aberto.
A lectura da reunión, ao entender de Grandal, é que o Delegado do Goberno “dalgunha maneira avala a desproporcionada actuación policial” (tanto na carga contra os/as traballadores/as como no caso dos malos tratos sufridos por Pintos), ademais de apoiar as medidas e reformas que o Partido Popular vén de anunciar que porá en marcha co obxectivo de “reprimir, criminalizar e acalar aquelas organizacións e voces dispostas a facer fronte ás medidas antisociais e políticas neoliberais que nos están a impor”.
De feito, os representantes sindicais denunciaron ante a prensa que o Delegado gobernamental mesmo “cuestionou as imaxes da carga aparecidas nos medios de comunicación” e “non dubidamos que terían negado os feitos se non existisen esas imaxes”, puntualizou o secretario comarcal de CCOO.
O sucedido en Ferrol, apuntaron, non se pode ver como un feito illado, senón que hai que entendelo nunha estratexia global de recorte de dereitos individuais e colectivos. De aí, a teimosía do Partido Popular por modificar o Código Penal e habilitar novos mecanismos normativos para controlar, disuadir, criminalizar e reprimir a mobilización e contestación social na rúa.
Dende as organizacións sindicais enmarcouse a protesta do pasado 4 de outubro no contexto socioeconómico da comarca, cun elevados índices de paro, sectores produtivos básicos en retroceso e empresas en continuo proceso de peche ou regulación de empregos. Porén, dende os gobernos do PP, criticaron, en vez de dar respostas e solucións aos problemas laborais, sociais e económicos da comarca, “preténdense desvirtuar as reivindicacións converténdoas nun problema de orde pública e reprimíndoas por esa vía”.
“Todo parece indicar que o PP non terá ningunha dúbida á hora de criminalizar e reprimir a resposta que se dea na rúa contra as políticas de recortes”, aseverou Grandal. Fronte a esta actitude, xa adiantou que as organizacións sindicais non van permitir que se liquiden os dereitos e liberdades sociais, nin que queden impunes as agresións e torturas a mans da policía.