Segundo explicaron dende a federación de Servizos da CIG, os traballadores/as da empresa auxiliar desenvolvían labores propias do persoal laboral do IMD dende 1998, a través de diversas contratas, cando se lles comunica que se lles rescinden os contratos. Diante disto, a central nacionalista presenta diversas denuncias, “gañando a máis importante, que clarifica e expresa que o Concello era o que determinaba que o grupo de traballadores/as ocupou postos e desenvolveu labores iguais que o persoal do IMD”.
A pesar da sentenza, o Goberno local do PSOE négase a admitilos “estando nestes momentos a o cadro de persoal sen ningún salario e sen poder obter a prestación por desemprego”. Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista denuncian que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández -ex secretario comarcal de CCOO en Vigo- , rexeita as reunións solicitadas pola CIG “e o que é peor, durante o mitin no Calvario o Alcalde, o ex ministro José Blanco e diversos concelleiros do PSOE insultaron aos participantes da protesta, inclusive chegando a dicir que eran enviados polo Partido Popular”.
Finalmente, lembran que os afectados/as comezaron este luns un peche indefinido nos locais do IMD.