Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 23/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentracións en Poio, A Coruña e Ferrol pola negociación dos convenios do Comercio Alimentación en Pontevedra e na Coruña

Primeira xornada de mobilizacións dos traballadores e traballadoras deste sector, cara á folga do 27 de novembro
O luns 23 de novembro foi a primeira das xornadas de loita das traballadoras e traballadores do convenio do Comercio Alimentación nas provincias da Coruña e Pontevedra, con cocentracións na Coruña, en dous pontos de Ferrol, e cunha concentración provincial no concello de Poio, en Pontevedra. Deste xeito, comezaba a visibilizarse as demandas salariais e sociais deste sector, que o martes 24 teñen convocada máis concentracións diante de establecementos afectados pola negociación deste convenio, e que o 27 de novembro, o vindeiro venres, teñen convocada unha xornada de folga nestas dúas provincias, na súa loita por un convenio xusto.

En A Coruña, as mobilizacións previas á folga do vindeiro 27 de novembro iniciáronse este luns cunha concentración diante da nave de distribución de Gadisa no polígono de Piadela (Betanzos), a onde acudiron delegados/as sindicais e traballadores/as procedentes de varios puntos da provincia, que levaron a cabo unha protesta entre a unha e as tres da tarde.

"Convenio digno, maloserá!"

Parodiando o slogan da última campaña publicitaria de Gadis, os/as participantes na mobilización berraron consignas como "Folga o 27 de novembro, maloserá!", "Convenio digno, maloserá!" ou "Subida do soldos, maloserá!", para exixir a negociación dun convenio que recolla melloras salariais e laborais reais e dignifique as condicións de traballo de todo o persoal deste sector.

Boicot do grupo Gadis

O responsábel do Comercio da Alimentación da CIG-Servizos de A Coruña, Roberto Pérez, subliñou que o Grupo Gadis está boicoteando a negociación do convenio baixo "os falsos argumentos de que a empresa está en crise". Non obstante, apuntou, os beneficios  non distribuídos dos últimos catro anos multiplicáronse até acadar o 109,14% e as vendas un 18,67%. Fronte a estas cifras atópanse as exiguas condicións laborais dos traballadores e traballadoras deste grupo empresarial, cuxos salarios medios non superan os 800 euros, e aos que mesmo propuxo unha baixada do soldo nos inicios da negociación do convenio. "Os que están en crise son os traballadores e as traballadoras", aseverou Pérez, quen acusou a Gadisa de impedir avances e melloras na negociación. En canto ás condicións do persoal destinado aos almacéns, tamén baixo o convenio de comercio de alimentación e que se atopan entre os peor pagados do Estado no sector, o colectivo de traballadores lembra que a empresa está a investir 50 millóns de euros nun novo almacén en Valladolid, onde os traballadores/as "van empezar a cobrar por convenio entre un 7,48% e un 10,90% máis ca nós", mentres que no caso da provincia de A Coruña négase a que existan subas de categoría automáticas coa antigüidade e mantén os incentivos conxelados dende hai máis de dez anos. As mobilizacións continuarán na xornada do martes 24 de novembro con concentracións, dende as 11 da mañá, diante das tendas de Gadis e Froiz de A Coruña e Compostela, e dende as 11 haberá unha protesta no almacén de Lidl en Narón, no Polígono do Pozo.

Mobilizacións en Ferrol

E foi precisamente en Ferrol onde tamén se desenvolveron dúas concentracións de delegados e delegadas do Convenio Comercio Alimentación, nas que se xuntaron máis de 150 persoas, para demandar un convenio xusto.

De 11 a 12 da mañá tivo lugar a primeira destas mobilizacións, fronte ao Froiz de San Amaro, e de 12 a 13, foi fronte ao Gadis na Avenida de Esteiro.

Estas dúas concentracións, segundo relata Cristina Martínez, da CIG-Servizos de Ferrol, tiveron unha moi boa participación e con consignas como "Convenio digno", "Vivamos como galegos, traguemos como borregos", non houbo momento non que non se escoitaran as demandas destas traballadoras e traballadores ao longo das dúas horas que duraron estas mobilizacións na comarca de Ferrolterra.

Concentración en Pontevedra

Na provincia de Pontevedra tivo lugar unha concentración fronte ao almacén de Froiz en Lourido, no concello de Poio.

Desde ás once, e durante perto dunha hora, houbo berros e ruído contra a explotación laboral no Comercio Alimentación, que fixeron os delegados e delegadas das centrais sindicais convocantes da folga do Comercio Alimentación, fronte ao almacén de Froiz en Lourido.

Asi, nunha comparecencia diante dos medios, Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo salientou que "este é un sector, o do comercio alimentación, que non está a sufrir a crise, porque mesmo coas marcas brancas dos propios supermercados obtiveron unha grande marxe de beneficios, e aqui o que queremos é que as traballadoras do sector podan chegar a ser mileuristas, porque falamos dun sector cun salario medio de 876 euros".

Catorce reunións sen avanzos

"Queren que sexamos as traballadoras e traballadores as que paguemos a crise, e despois de catorce reunións non conseguimos avances, polo que cremos que é preciso que nos mobilicemos nesta semana con estas concentracións, e por iso tamén convocamos a folga do dia 27, e que se non mudan as cousas será indefinida a partir do 9 de decembro", concluiu a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo.

O martes 24 de novembro terán lugar tres concentracións na provincia de Pontevedra: en Vigo, no Gadis da rúa Rosalia de Castro, e tamén haberá concentracións en Pontevedra e Vilagarcía.

Galería de imaxes

Na sección multimedia da nosa web ou nesta ligazón podedes acceder a unha galería fotográfica máis amplas sobre estas concentracións.

cig.prensa@galizacig.com