O persoal de Transmisións Eólicas de Galicia, S.A. (TEGSA) de Bergondo vén celebrando asembleas dende hai máis dun mes para abordar o futuro da planta, xa que contan con informacións que apuntan a que a empresa se está a preparar para pechar as portas e deixar na rúa aos 39 traballadores/as cos que conta, ou ben, para desprazalos a outras empresas ou centros que Gamesa Eólica (propietaria da fábrica) ten no Estado español.
Segundo informan os 3 delegados de persoal, todos da CIG, TEGSA obtivo importantes beneficios nestes últimos anos, razón pola que aseguran non comprender que poida desaparecer este centro, “dado que aínda este ano, na situación de crise na que estamos, segue traballando todo o cadro de persoal”.
Remate dos pedidos
Os representantes dos traballadores veñen solicitando da empresa un plano de viabilidade para coñecer para coñecer cal vai ser o futuro da planta no 2010, xa que en decembro deste ano rematan os pedidos que se están a realizar.
Por este motivo, os delegados xa solicitaron unha xuntanza coa dirección da empresa e, no caso de non obter resposta nun breve prazo de tempo, advertiron que comezarán mobilizacións que poderían rematar na convocatoria de folga no mes de decembro.
Así mesmo, pedirán explicacións dos motivos polos que se está levando material para reparar fóra das instalacións, cando estes traballos se realizaron sempre no centro de Bergondo. “Este feito aínda nos confirma máis a sospeita de que van pechar a empresa”, sinalan os delegados.