En outubro, Caixa Galicia anunciou a venda da auxiliar CxG Gestión Operativa, encargada da xestión dos servizos centrais administrativos da entidade, á multinacional americana Hewlett-Packard. Venda que se fixo efectiva o pasado 1 de decembro.
Diante da nova situación, o Comité de Empresa solicitoulle, tanto á empresa compradora como a Caixa Galicia, negociar un acordo no que se comprometeran a respectar os postos de traballo e as condicións laborais das máis de 100 traballadoras e traballadores cos que contan a actualidade CxG Gestión Operativa. Ambas empresas responderon con meras declaracións de intencións de manter o servizo (aínda que non se pronuncian sobre o emprego) e de todas as condicións pactadas (esquecendo as condicións laborais que de feito existen na empresa), mentres anuncian que non van negociar.
A CIG celebrou unha anterior concentración de delegados/as, o día 2 de decembro, sen que se avanzara na negociación e se comprometeran garantías para mantemento do emprego. A isto hai que lle engadir agora, o intento de dividir ao cadro de persoal para que se enfronte ao Comité de Empresa e á CIG.