Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 23/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino reclama que o Decreto da FP en Galiza recolla a regulación do noso idioma nos ciclos formativos

O borrador pretende xeneralizar a impartición de módulos en lingua estranxeira esixindo un determinado nivel para o profesorado
Na mesa sectorial do 23 de febreiro debateuse o borrador do Decreto de ordenación xeral da FP do sistema educativo de Galiza. A CIG-Ensino criticou un dos aspectos máis preocupantes e regresivos desta proposta que é a nula referencia ao Decreto que regula o uso do noso idioma. Así, dentro da política de ataque sistemático ao noso idioma por parte desta Administración, o borrador de Decreto non recolle ningunha alusión ao uso do galego, mais si se recollen as linguas estranxeiras, até o extremo de que o borrador pretende xeneralizar a impartición de módulos en lingua estranxeira, esixindo un determinado nivel ao profesorado.

Para a CIG é inadmisíbel que se queira promover a impartición de módulos en lingua estranxeira con carácter xeneralizado e por outro lado non haxa a máis mínima referencia ao recollido no Decreto 124, que regula o uso do noso idioma nos ciclos formativos.

Por outro lado, a CIG manifestou ao inicio da súa intervención que, sendo lóxico que Galiza regule a ordenación da FP, o momento escollido non é o máis atinado, xa que neste momento se está a debater o anteproxecto de Lei de Economía Sostíbel e, aínda que de momento é unha proposta e está en proceso de debate, están a considerarse cuestións que poden afectar a este Decreto e obrigar a unha revisión do mesmo nun período breve de tempo. En relación con isto, a CIG manifestou que se podía comprobar como no borrador que se nos presentou non se recollen algúns aspectos positivos dese Anteproxecto de Lei, mais si se recollen outros dos que a CIG considera máis negativos, como é a posibilidade de que as empresas poidan impartir formación nos centros docentes ou que os centros públicos teñan que avaliar a formación impartida nas empresas privadas para que despois estas poidan conceder os títulos que consideren, cuestións ambas que inciden na privatización destas ensinanzas.

A CIG reclamou que este borrador sirva para recoller a diminución das rateos de alumnos por aula, por certo unha proposta electoral do PP que non se está a efectivizar. O seu borrador tampouco recolle a posibilidade de realizar desdobres cando se superen os/as 20 alumnos/as por aula. Neste sentido a CIG propuxo reducir a rateo a 20 alumnos/as por aula e recoller a posibilidade de realizar desdobres.

Entre outras moitas cuestións a CIG propuxo que este Decreto sirva para facer uso das competencias propias na fixación do 45% do currículo, engadindo un novo apartado ao artigo 9 que diga “introducir outros módulos profesionais que completen o 45% de contido curricular que lle corresponde a Galiza e que atinxan a áreas económicas prioritarias para a economía galega.”, o que resolvería o conflito dado con módulos como Cociña galega de vangarda.

O Director Xeral de Educación e FP volveu demostrar unha vez máis a súa prepotencia cuestionando as propostas realizadas. A súa actuación na Mesa Sectorial limitouse a realizar un discurso político para criticar o goberno anterior e a non responder ás múltiples achegas realizadas, limitándose a dicir que serán analizadas.

cig.prensa@galizacig.com