"As roldas de prensa e mobilizacións que estamos a facer a nivel nacional a CIG están enmarcadas nunha campaña en contra da proposta de reforma laboral, que están realizando CCOO, UGT, patronal e o goberno, todas as reformas que se están dando na Seguridade Social, o pacto de contención salarial que asinaron hai un mes e a famosa reforma das pensións", comezaba asi, Xoan Xosé Bouzas a súa intervención para dar a coñecer a campaña da CIG fronte aos recortes de dereitos, a reforma laboral e das pensións, e a loita contra a crise.
"Medidas antisociais"
Bouzas cualificou de "medidas antisociais" as propostas realizadas desde Madrid en canto a cambios no mercado laboral, e criticou as mesmas xa que "o único que fai é adoptar medidas nas que parecera que os traballadores son os culpábeis e que a crise que fixo o capital financeiro e a propia economía especulativa, pois deixala pasar dando axuda aos auténticos culpábeis".
Alternativas fronte a crise
"Desde a CIG tamén propoñemos unha serie de alternativas a través dun documento que estás a repartir nesta campaña, e ai si que propoñemos unha serie de medidas como o control dos movementos especulativos, promover a desaparición dos paraísos fiscais, unha reforma do sistema fiscal para garantir a súa progresividade, incrementar os impostos sobre o capital e sobre as rendas máis altas, e favorecer unha política de incremento salarial", engadiu.
Perda de poder adquisitivo
O secretario da Unión Local do Salnés denunciou que "se esta trasladando desde o Goberno que o problema desta crise está no mercado laboral, como se fora pouco ríxido e pouco competitivo. A primeira medida que se tomou nese sentido foi asinar o pacto de contención salarial, que para o 2010 fixa un incremento máximo do 1%, no 2011 un incremento máximo do 1,5% e no 2012 un incremento do 2%. Isto significa perda de poder adquisitivo para os traballadores/as, mentres os bancos continúan a ter tremendos beneficios e os que pagan a crise son os traballadores/as".
Nese sentido, rexeitou a retirada dos 400 euros que nos descontaban do IRPF da nómina, e que "era un incremento de salario, e ao sacarnos estes 400 euros significa que nun salario medio de 1.000 euros estamos perdendo un 3% de incremento salarial para o 2010. Hai traballadores que por isto e polo pacto de contención salarial e esta retirada dos 400 euros cobrarán salarios do 2007 ou 2008".
ERE's e concurso de acredores
Bouzas censurou a reforma do mercado laboral que se está a facer "á calada" a través dos ERE's, con despidos masivos, concurso de acredores, como nesta comarca con Cedonosa, Novoysierra, Muebles Carballo, Maderas del Atlántico, Vimenca. "Este persoal que se foi para casa non foi pagado polo capital que os deixou na rúa senón que se pagou coas cotizacións de todos nós, xa que receberon salarios indemnizacións a través do Fondo de Garantia Salarial, e as empresas especularon co mercado de traballo e cos seus empregos", subliñou.
Tamén analizou as reformas que xa se realizaron, e que baixou o despido de 45 días a 33, e "supoño que agora volverán dar outra volta, para reducir dereitos".A CIG no ano 2007 xa protestara contra a reforma das pensións, asinada por CCOO e UGT, que o único que fixo foi aumentar o período de cotización, discriminar as persoas con contrato a tempo parcial, e que xa fora probada polas centrais sindicais mencionadas, a patronal e o goberno.
Estratexia do goberno
"O único que se fai neste momento, no que o goberno está xogando moi forte, consciente de que vai haber contestación social para logo sacar unha nova proposta máis equilibrada, por dicilo dalgún xeito, e que iso non teña ningún reproche por parte de ninguén, e entraranlle no xogo de asinar outra vez un novo pacto", explicou.
Diferenzas abismais con CCOO e UGT
Sobre a unidade sindical, Xoán Xose Bouzas aclarou que "a CIG non vai con CCOO e UGT a esas mobilizacións porque as diferenzas que temos son abismais por todo o que veño de dicir. Eles están asinando no diálogo social, e o único que está saíndo son novos recortes e perda de poder adquisitivo para os traballadores".
Mobilización en Vilagarcía
O próximo dia 3 vaise celebrar unha asemblea de delegados/as da CIG da comarca de Pontevedra pola mañá no Auditorio, a partir das dez da mañá. Ás doce sairase do Auditorio en manifestación até un organismo público, ben sexa o INEM ou o INSS, para denunciar a actual situación.
Esta campaña continuará o 10 de marzo, Dia da Clase Obreira Galega, onde en todas as comarcas do país se vai facer unha manifestación. Neste caso, a Unión Local do Salnés asistirá á de Pontevedra, que sairá ás 20.30 desde a Praza de Pasanteria.