Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 23/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Sykes desenvolve a terceira xornada de paros, logo de que a empresa presentase un ERE que afectará a 200 persoas

Durante a protesta, convocada pola CIG, os traballadores/as cortaron o tráfico no Polígono de Agrela
O persoal de Sykes Enterprises desenvolveu na xornada deste martes dous novos paros e concentracións, convocados pola CIG e secundados polo Comité de empresa, en contra dos despedimentos que a multinacional do telemarketing pretende levar adiante, concretados agora coa presentación dun ERE que afectará a 221 traballadores/as en A Coruña e 38 en Lugo. Os traballadores/as e traballadoras concentráronse ás portas do edificio de Sykes entre ás 10 e ás 10:30 horas e das 18 ás 18:30 horas, desenvolvendo ademais dous cortes de tráfico que dificultaron a circulación nunha das rúas principais do polígono de Agrela.

A terceira xeira de paros e concentracións convocadas pola CIG en contra dos despedimentos planeados por Sykes Enterprises no centro de A Coruña recibiu un novo xiro logo de que a multinacional comunicase ao Comité de empresa a presentación dun expediente de regulación de emprego que afectaría a 221 traballadores/as na cidade herculina e a outros/as 38 no centro de traballo de Lugo.

Segundo explicou o responsábel de CIG-Banca en A Coruña, Óscar Calvo, todo o persoal incluído no ERE é indefinido e está traballando para as campañas do 1004 de Telefónica e as contratadas por Vodafone. Non obstante, o número de despedidos en Sykes podería duplicarse, xa que polas mesmas nas que se resolverá o expediente de regulación, finalizan os contratos por obra adscritos ás campañas das operadoras de telefonía. De feito, sinalou Calvo, hoxe mesmo a multinacional remitiu as primeiras cartas de despedimento a estes traballadores/as, polo que o número total de despedidos en Sykes superará as 400 persoas.

“Está claro que a pretensión final da empresa é deslocalizarse, Agora a pelota está no tellado da Xunta”, aseverou o responsábel da CIG-Banca, quen reclamou a intervención inmediata da administración galega (responsábel de aprobar o ERE) “para evitar esta sangría de despedimentos na comarca de A Coruña e no sector do telemárketing en Galiza”.

Mobilizacións todos os martes de marzo

Nas asembleas de traballadores/as celebradas o luns, acordouse levar adiante paros de dúas horas todos os martes do mes de marzo, en horario de 10 a 12 da mañá e de 17 a 19 da tarde, coincidindo coas dúas quendas de traballo. As mobilizacións, durante os paros, o persoal aproveitará para desprazar as protestas até as instalacións de Vodafone e Telefónica que hai en A Coruña.

Nas protestas de hoxe, o persoal desenvolveu dúas ruidosas concentracións diante do centro do Polígono de Agrela e protagonizou dous cortes de tráfico duns vinte minutos no tramo de estrada que circula por diante do edificio de Sykes para dar maior visibilidade a este conflito e para advertir que non van consentir “nin un só despedimento”.

Unha deslocalización consentida

Neste senso hai que lembrar que tanto Telefónica como Vodafone dedicáronse nos últimos anos a trasladar os arquivos de datos dos seus clientes a terceiros países, especialmente de Sudamérica, a onde teñen levado todas as súas campañas de atención e servizos telefónicos que até entón se viñan prestando dende centros de traballo do Estado español.

A primeiros de febreiro, a AEPD (Axencia Estatal de Protección de Datos) dependente do Ministerio de Xustiza, autorizaba a Vodafone a transferir todos os datos dos seus clientes a Colombia, Perú ou Chile. A transferencias dos datos da clientela é o primeiro paso para que se deslocalicen todos os servizos de atención á clientela que actualmente se realiza, entre outras empresas, nas plataformas de telemárketing de Sykes na Coruña e en Vigo nas plataformas Unísono e Bosch.

En total, máis de 700 postos de traballo en Galiza aos que hai que sumar os despedimentos do persoal de Sykes que traballan na campaña do “1004” de telefónica, tamén deslocalizada con anterioridade.

Os despedimentos e recortes na Coruña e Vigo son froito dunha decisión empresarial coa complicidade do goberno central. Dende a Confederación Intersindical Galega quérese denunciar que non estamos ante os efectos da crise, estamos ante unha deslocalización pura e dura por parte de Vodafone e Telefónica coa complicidade do goberno do PSOE.

cig.prensa@galizacig.com