A medida de protesta levouse a cabo dun xeito simbólico en diferentes concellos do País, co obxecto de reclamar aos gobernos municipais para que adopten medidas de presión coas empresas que teñen a concesión das instalacións deportivas para obrigalas a sentar a negociar e reconducir o conflito cara a unha saída que satisfaga ás demandas do persoal. Os traballadores e traballadoras entenden que os concellos tamén deben asumir a súa parte de responsabilidade do momento no que son quen outorgan as concesións para a explotación das instalacións deportivas, que son públicas, e os afectados, máis de 100.000 en toda Galiza, son os seus veciños e veciñas.
O primeiro dos peches producíase en Ames. Un grupo de traballadores/as accederon ao despacho do alcalde (á vez presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias) onde permaneceron pechados até seren desaloxados pola policía local e axentes da garda civil. A partir dese momento continuaron a protesta cunha concentración diante das portas do Concello.
En Ferrol levouse a cabo o segundo dos encerros. Neste caso, os traballadores/as foron recibidos polo concelleiro de deportes a quen se lle demandou que adoptara medidas de presións contra as empresas concesionarias das instalacións deportivas municipais de cara a forzar que sente a negociar. Rocío Doce, da CIG-Servizos de Ferrol explicaba que, pola súa banda, o Concello tamén requiriu a Sidecu, empresa concesionaria, para que explicara as razóns da negativa a acudir á reunión convocada pola Xunta.
No caso de A Coruña, dous grupos de traballadores/as mantiveron dous peches nas dependencias do padrón e no salón de plenos do edificio de María Pita, onde foron atendidos polo concelleiro Carlos González Garcés (que desempeñaba as funcións de alcalde), Henrique Tello e Xan Caxigal, que se comprometeron a trasladar as reivindicacións do persoal á patronal e á Xunta de Galiza, así como a reiterar ás demandas á administración galega para que se implique no conflito.
O desinterese da patronal
A patronal parece non ter interese en solventar o conflito e así o amosou ao non acudir á convocatoria de xuntanza na Dirección Xeral de Relacións Laborais e adiar para a xornada do mércores a reunión unilateral entre administración e Axidega. Neste senso, o Secretario de Organización da CIG-Servizos, Xosé Lois Martín, subliñaba que “estamos ante un conflito que hai solucionar, e para solucionalo hai que sentar nunha mesa, non vale dicir que uns ganan e outros perden porque uns teñen que ir axeonllados e outros co peito moi inchado”.
Dende as organizacións sindicais lembrouse que a Conselleira de Deportes hai dúas semanas que se comprometeu a sentar ás partes, mais con 23 días de folga continuada ás costas aínda non foi capaz de facelo. “Non sei a quen temos gobernándonos, se a administradores ou a un grupiño de empresas que se pasan por algún sitio ao goberno galego, porque o desplante de onte non foi aos sindicatos senón ao goberno galego”, criticou Martín Freire.
Deste xeito, os traballadores/as continúan adiante coa convocatoria de folga e non se descartan tomar medidas de presión máis contundentes para mover á patronal da súa posición e para que asuma uns compromisos que garantan melloras salariais e sociais para o conxunto do persoal.
Esta mesma tarde, persoal de todas as provincias vaise trasladar até Pontevedra para desenvolver unha mobilización na piscina de Pontemuíños onde terá lugar o encontro entre a selección española de waterpolo e a de Rumanía.
Reivindicacións asumíbeis
As reivindicacións do persoal céntrase basicamente en catro aspectos: o estabelecemento dun convenio que cubra todo o sector, a modificación das condicións da Incapacidade Temporal, melloras salariais e a regulación da xornada laboral. Cómpre lembrar que os traballadores están suxeitos a até 5 convenios diferentes: limpeza, sidero-metalúrxica, ensino privado non regulado, hostalaría e o estatal de instalacións deportivas.
Pola súa banda, a patronal oferta uns salarios que son inferiores aos que cobraban os traballadores/as no ano 2003, cando aínda estaba vixente o anterior convenio. Axidega ofrece un salario base de 700 euros que, sumando as porcentaxes dun 2,3% para 2010, e dun 3,3% para o ano 2011, acadaría nese ano a cantidade de 800 euros.
O sector das instalacións deportivas vén mobilizándose dende hai máis de tres anos en demanda da negociación dun convenio colectivo. Hai dous anos, os traballadores e as traballadoras da provincia de A Coruña xa realizaran unha convocatoria de folga para acadar un convenio provincial.
En febreiro de 2008 constituíuse a mesa negociadora para tratar que ese convenio tivese aplicación en toda Galiza e incluía non só ás instalacións deportivas, senón ao sector de espectáculos e deportes. Por fin, en maio de 2009 conseguise a constitución de dúas mesas negociadoras diferentes: unha para centros deportivos e outra para espectáculos e eventos. Nesta última, segundo informan dende a CIG-Servizos, producíronse certos avances, pero na de instalacións deportivas a negociación “está atrancada por mor das posicións da patronal, que non está disposta a aceptar unhas demandas que son esenciais. Todo isto coa condescendencia das administracións, que permiten esta situación de precariedade en centros de titularidade pública”.
Neste colectivo os salarios apenas superan o salario mínimo, traballando sábados, domingos e festivos e o obxectivo é acadar que os traballadores cheguen cando menos a ser “mileuristas” a tres anos vista, respectando as condicións daqueles que teñen salarios superiores neste intre e que a xornada laboral se axuste aos salarios que perciben.