“Hemos hecho algo en materia de pensiones que seguramente nadie de los que estamos aquí imaginaba que podríamos hacer”, declaraba o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, durante a escenificación do enésimo pacto social entre goberno, patronal e sindicatos.
Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, denuncia o entreguismo dos sindicatos estatais, que até hai pouco mantiñan unha posición contraria ao aumento da idade de xubilación, así como a intención de dinamitar os mecanismos actuais da negociación colectiva para tentaren reducir a capacidade de manobra e illar acción de centrais sindicais de clase como a CIG.
En resumo, o acordo non recolle medida algunha que axude a paliar as consecuencias da crise, se non que repite o esquema de todas as decisións que está a tomar o goberno español en beneficio do gran capital e transferindo os custos da mesma a unha clase traballadora cada vez máis empobrecida.
Para Suso Seixo non só é necesario o loitarmos contra estas medidas, se non que “debemos superar o capitalismo e substituílo por un outro modelo económico e social que defenda á clase traballadora”, situando como unha necesidade histórica “a construción do Socialismo”.
Podes acceder aquí ao video na web da FESGA
Outras publicacións
Por outra banda, a "Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza" publicou unha reportaxe sobre os pactos da Moncloa de 1977, que supuxeron un precedente para os acordos sociais que asinarían a partir de entón as centrais sindicais estatais , patronal e goberno do Estado para ir reducindo paulatinamente as conquistas e dereitos da clase traballadora.
Tamén ofrece na súa web unha nova serie de "Eixo" (voceiro da INTG, un dos antecedentes da actual CIG), correpondente á etapa que vai desde marzo do 1985 a xullo de 1986.