Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 23/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Novos xuízos e sentenzas por despedimentos de persoas vinculadas á CIG no sector dos Centros de Chamadas (call centers)

En Office Depot e tamén en Bosch
O pasado 22 de abril celebrábase o xuízo polo despedimento do Secretario da Sección Sindical da CIG no Centro de Chamadas da multinacional americana Office Depot en Ourense. O día anterior coñecíase a sentenza pola que unha delegada da CIG en Bosch-Vigo ten dereito á readmisión.

Ás 10:30 da mañá medio cento de delegados e delegadas convocados pola Federación de Banca, concentrábanse nas portas dos Xulgados en Ourense en apoio ao secretario da Sección Sindical da CIG na empresa Office Depot, Alfonso Fernández Diéguez, despedido en pleno proceso de eleccións sindicais.

 

Posteriormente tivo lugar o xuízo no que, en opinión da CIG-Banca, quedou demostrado que este despedimento inxusto tiña como obxectivo que o sindicato nacionalista non puidera presentar candidatura nas eleccións sindicais para a ampliación do Comité de Empresa. Para evitar a presenza da CIG, a Dirección despediu a este traballador que ten unha ampla traxectoria sindical na empresa.

 

Durante o xuízo coñeceuse que 12 dos 15 integrantes da candidatura da CIG nun anterior proceso electoral foron despedidos pola empresa ao longo dos últimos anos.

 

Para a Fiscalía, presente no xuízo por tratarse da vulneración dun dereito fundamental, Office Depot vulnerou o dereito a liberdade sindical, apoiando a demanda presentada por Alfonso.

 

Durante a concentración estiveron presentes solidariamente ata 3 afiliados/as da CIG despedidos do sector dos centros de chamadas e que obtiveron o dereito a readmisión por sentenzas xudiciais.

 

Entre este grupo de represaliados/as sindicais estaba Iria Álvarez, delegada da CIG que foi despedida pola empresa de telemárketing Bosch de Vigo. Onte mesmo coñeceuse a sentenza ditada polo Xulgado do Social número 3 de Vigo que lle recoñece o seu dereito a reincorporarse no seu posto de traballo.

 

Para a CIG estes casos son unha mostra da agresiva represión contra o sindicalismo nacionalista no sector dos centros de chamadas, co que a patronal quere evitar que os traballadores e as traballadoras podan organizarse para demandar unhas condicións laborais dignas.

cig.prensa@galizacig.com