A CIG-Servizos manifesta que, desta volta, a rapidez e a contundencia coa que se actuou impediu o atropelo aos traballadores/as que desde as grandes empresas de distribución comercial levan anos intentando.
O seu obxectivo, explican, é a liberalización total das aperturas comerciais e advirten de que volverán a intentalo seguro, agora que teñen un goberno amigo das súas ansias “liberalizadoras”. Lembran que no centro de Madrid, a política neoliberal xa impuxo que se abran todos os domingos, por iso, alertan de que “teremos que continuar atentos”.
Salienta que os traballadores organizados, informados e que saben loitar polos seus dereitos sempre conseguen mellores condicións laborais e poñen como exemplo que tamén no País Vasco, malia os moitos intentos das patronais, non se abre ningún domingo ou festivo, nin sequera o Corte Inglés.
Deste xeito, para o ano 2010, en Galiza, os únicos festivos autorizados de apertura para o gran comercio son os que xa estaban marcados. “Un éxito do que nos felicitamos na CIG-Servizos”, afirman, “e que marca o camiño da mobilización como a mellor ferramenta para a defensa dos nosos intereses”.