Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 23/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As traballadoras de limpeza do CPI de Panxón, cesadas desde o 1 de abril, péchanse na consellaría de Educación para exixir soluc

Denuncian a situación de indefensión na que se atopan, sen paro nin indemnización
Traballadoras/es do servizo de limpeza do CPI de Panxón e representantes da CIG pecháronse na mañá deste venres 23 de abril na consellaría de Educación, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, para denunciar a situación de indefensión na que se atopan e demandar da administración unha solución a este conflito.

Arredor de 37 persoas, entre elas as traballadoras despedidas do servizo de limpeza do CPI de Panxón, concentráronse no interior da consellería de Educación de San Caetano, para exixir solucións diante da situación na que se atopan estas compañeiras.

Aos cinco minutos de entrar, os corpos de seguridade do estado intentaron desaloxar ás/aos concentradas/os, malia o que aguantaron no interior. Tamén recibiron a proposta de manter unha entrevista co subdirector. Proposta que rexeitaron cando se lles adiantou que non había solución algunha.

A consellaría de Educación decidiu anular o servizo de limpeza contratado á empresa Limpezas Germania da que dependían estas traballadoras e deixounas sen traballo. Teñen unha franxa de idade de entre 46 e 64 anos e delas, catro levan 23 anos no centro e só dúas poderían acollerse a unha prexubilación.

Comezaron traballando no Instituto Social da Mariña (ISM), anterior titular do centro, como persoal propio, para logo seren trasladadas a unha contrata como fixas-discontinuas, polo que están na rúa sen dereito a paro. O ISM contratounas no seu día, xunto con oito camareiras, para manter en orde a residencia de orfos, na que se encontraban preto de 200 internos, e o colexio, con pavillón de deportes incluído.

Ao traspasaren o edificio á Consellaría de Educación nos 90, o servizo de limpeza foi contratado a unha empresa externa e as camareiras se mantiveron como funcionarias. Ao desaparecer os internos, a Xunta considera que o contrato de limpeza resulta caro, polo que decidiu anulalo, pasando a ser as camareiras quen se ocupen da limpeza.

Porén, desde a CIG-Servizos de Vigo, afirman que as funcións destas traballadoras continúan a ser necesarias, xa que a residencia se utiliza como comedor e acolle grupos de excursións e visitas. O centro conta con dúas hectáreas de terreo e máis de 3.500 xanelas, así como un polideportivo que precisa hixiene.

No momento no que se tivo coñecemento desta decisión a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo xa denunciara que a decisión da consellaría pecaba de moitas incoherencias, comezando polo feito de que a administración sacou a concurso o contrato de limpeza, a finais do pasado ano, resultando adxudicataria en xaneiro a empresa Linorsa. No mes de febreiro solicitábaselle a Limpezas germania que prorrogara o contrato até o 31 de marzo, mentres Linorsa recibía a notificación de que a consellaría asumía o servizo como propio.

Para a CIG-Servizos esta decisión é incomprensíbel, máis cando sacan a concurso o contrato. Alén diso, denuncia que deste xeito, nun momento de crise económica como este, o PP colabora a incrementar as listas do paro no canto de buscar solucións para reducilo.

Con este peche pretendían denunciar a situación de indefensión na que se atopan  e demandar da Administración unha solución a este conflito. Solución que non semella estar próxima logo de que no decurso do propio peche se lles informara de que a consellaría de Educación non ten intención de cambiar a decisión tomada.

cig.prensa@galizacig.com