Persoal sanitario e cidadáns/ás volveron encher na tarde do xoves 22 de abril as rúas de Vigo con berros en contra dos plans de privatización da sanidade pública. Coa marcha, convocada pola Xunta de Persoal do CHUVI, quérese denunciar o proxecto de financiación a través de empresas privadas do novo hospital, así como a privatización de numerosos servizos non sanitarios.
Concentración na dirección do Sergas
Pola mañá, membros da Comisión de Centro do CHUVI concentráronse diante da Dirección Provincial do Sergas para apoiar aos compañeiros e compañeiras que entraron en dito organismo para esixir unha xuntanza coa Conselleira. Unha vez conseguido o obxectivo de que o luns 26 de abril se concretará a data da cita, os membros da Comisión de Centro abandonaron o recinto.
Dende a CIG-Saúde adiantaron que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días e lembraron que este domingo está convocada unha gran manifestación en Compostela contra a privatización dos servizos públicos.