Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 23/4/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Varios centos de persoas maniféstanse contra a represión e a manipulación informativa na CRTVG

Á convocatoria do Comité Interempresas sumáronse diversos colectivos, entre outros os afectados pola estafa das preferentes
Preto de medio cento de persoas manifestáronse este sábado día 21 de abril, desde o Pazo de Congresos até as instalacións da CRTVG en San Marcos baixo o lema “Nin represión, nin manipulación”. Á convocatoria, que partíu do Comité Interempresas sumáronse diversas organizacións e colectivos para manifestar a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores do ente, contra os que a dirección abriu un expediente informativo, tras da ocupación das instalacións da TVG por parte dos afectados pola estafa das participacións preferentes, que pretendían evidenciar a manipulación informativa da compañía.
Entre consignas de “Non, non, non á represión; non, non, non á manipulación”; “nin expedientados, nin manipulados”; “menos represión, máis información”; “non queren informar,senón privatizar” ou “en vez de investigar, terás que declarar”, partiu a marcha desde o Pazo de Congresos até diante mesmo das instalacións da CRTVG en San Marcos.
Ás traballadoras e traballadores sumáronse a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega e a Plataforma do Morrazo de Afectados polas Participacións Preferentes e de Débeda Subornidada de Novagalicia Banco. Esta última mesmo emitiu un comunicado a través do que transmitiron o seu apoio incondicional, solidaridade e respeto a todas e todos os profesionais da CRTVG polas repercusións que están a padecer a causa da visita ás instalacións da TVG de un numeroso grupo de afectados/as, coa intención de solicitar ao Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, unha maior cobertura, transparencia e obxetividade no tratamento da información. No seu comunicado subliñaban, ademais, que non existiu, en ningún momento, complicidade cos traballadores/as para levar a cabo as súas reivindicacións, manifestando que foi un acto voluntario e non previsto pola plataforma. En todo caso, denunciaron que a Television de Galicia “é pública e debe estar o servizo das galegas e galegos con total honestidade na divulgación do que acontece neste país, algo que a dirección de este ente ocultaba con desatino, eludindo responsabilidades e compromiso”.

A marcha rematou contra ás 13:30 ante as portas pechadas e protexidas pola policía das instalacións da Compañía de Radio e Televisión de Galiza, onde deron lectura ao MANIFESTO:

 

O pasado día 30 de marzo máis dun cento de afectados polo que se coñece como “estafa das participacións preferentes” ocuparon as instalación da CRTVG en San Marcos para denunciar a ocultación do conflito que lles afecta dende este servizo público.

No transcurso da ocupación, a representación sindical asumiu un papel de mediación e diálogo, tratando de manter en todo momento o carácter pacífico da ocupación e evitar o enfrontamento entre o cadro do persoal e os afectados e afectadas.

Mentres isto acontecía, o Director xeral da CRTVG abandonaba o edificio pola porta de atrás, facendo deixazón absoluta das súas funcións como responsábel último do ente público.

Por se isto fose pouco, ao día seguinte dos feitos, o mesmo Director xeral resolveu abrir un expediente informativo para depurar responsabilidades entre as traballadoras e traballadores do servizo xa que, segundo indicou, a ocupación das instalacións non tería sido posíbel sen a “colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio da CRTVG”.

Porén, a única responsabilidade neste e noutros conflitos ven dada polas distintas direccións ao servizo dos gobernos do momento, máis preocupadas en ocultar os conflitos sociais que en dar unha información veraz e plural á que o pobo galego ten dereito.

Estas políticas informativas sucesivas están a poñer en continuo risco a integridade moral e física dos e das profesionais dos medios públicos, sobre todo nas situacións de maior impacto social (como xa ten acontecido nos casos das vacas tolas, o Prestige, o mal chamado decreto do plurilingüismo ou máis recentemente a convocatoria de folga xeral do 29 de marzo), cando a crítica pola evidente manipulación informativa se transforma en indignación social.

Mais para enmascarar a realidade dos feitos, o Director xeral da CRTVG dálles radicalmente a volta e acusa a traballadoras e traballadores de ser cómplices da ocupación das instalacións da CRTVG en San Marcos, xustificando así a apertura dun expediente informativo no que se entrevén trazos represivos que buscan atemorizar ao cadro de persoal e afogar as voces discrepantes dentro da empresa.

Contra esta práctica represiva, mais tamén contra a manipulación informativa que está na orixe do acontecido o 30 de marzo, chamamos á mobilización do conxunto da sociedade galega.

Esiximos a retirada inmediata do expediente informativo e o cese da persecución a traballadores e traballadoras e á súa representación sindical. Mais tamén reclamamos que o ente público cumpra coa función social para a que foi creado, nomeadamente dotar ao pobo galego dunha información veraz, plural, obxectiva, neutral e independente. Só así poderemos asegurar que non se repitan no futuro feitos semellantes.

NIN REPRESIÓN NIN MANIPULACIÓN.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com