O Movemento polos Dereitos Civís salienta que que un dos homes sancionados nin sequera participou na concentración, senón que apareceu polo lugar unha vez remata a mesma, polo que acusalo de “participar nunha concentración” resulta cando menos, sorprendente.
Unha vez que a concentración xa estaba disolta, os axentes achegáronse a eles solicitándolles que se identificaran. Polo que os rapaces preguntaron o motivo polo que deberían mostrar a súa documentación, xa que a policía só pode solicitar a identificación se existen indicios de que se está a cometer un delito, unha circunstancia que non se daba naquel intre.
Ante a negativa á identificarse dun dos implicados, os axentes trasladárono á comisaría onde sufriu un trato vexatorio e desprezativo, chegando a afirmar que os policías que non “entendían” o idioma no que falaba e vulnerando así os seus dereitos lingüísticos. Unha actuación fóra de lugar por parte dos axentes que pon en evidencia o seu correcto funcionamento e na contra do disposto na Lei 2/86 de 13 de marzo, que regula as Forzas e Corpos de Seguranza.
Infraccións
Segundo establece a normativa, as concentracións e manifestacións non precisan de autorización, senón dunha simple comunicación, e iso sempre que se xunten no mesmo lugar máis de 20 persoas. No caso de que non exista comunicación previa, as autoridades poderán decidir se disolven a mobilización, pero sempre e cando exista un perigo real para as persoas ou bens, pero non se recolle como infracción á asistencia ás mesmas e de ningún xeito se lle outorga responsabilidade administrativa aos participantes en mobilizacións .
Segundo o Movemento polos Dereitos Civís, a multa imposta pola Subdelegación resulta desorbitada e a súa actitude afonda na política levada a cabo pola institución no noso país de progresivo recorte dos dereitos e liberdades dos cidadáns baixo unha suposta “garantía” da seguridade cidadá. Esta conduta resulta “innovadora” dentro do eido das sancións administrativas, pois poucos casos se teñen dado de multas á participantes en convocatorias, xa que esta actitude merma o estado de dereito e supón un paso atrás na consolidación dos dereitos fundamentais dos individuos.
“Situacións intolerables”
Pola súa banda, o goberno galego manifestou que situacións como estas resultan “intolerábeis” dentro dun estado de dereito, nunha resposta trasladada ao Parlamento a petición do deputado Bieito Lobeira. Aínda que recoñece que a Xunta non ten competencias en materia de seguridade cidadá, indica que o “Goberno de Galiza non ten ningunha dúbida de que no marco do procedemento xudicial aberto se esclarecerán todas as circunstancias do acontecido durante a manifestación”