Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 23/5/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Valdeorras denuncia a persecución á que están sendo sometidos os seus candidatos nas eleccións sindicais en Cafersa [Vídeo]

A empresa louseira négase a aceptar a lista da central e impediu a celebración dunha asemblea nas súas instalacións
A Unión Local da CIG de Valdeorras presentou un laudo arbitral para reclamar a anulación das eleccións sindicais previstas para este mércores 25 en Cafersa despois de que a mesa se negase a aceptar a súa candidatura. Dende a central denuncian as presións "propias da mafia" que a empresa está a exercer sobre os candidatos nacionalistas para evitar que poidan obter representación.

O laudo arbitral diante da Consellería de Traballo ten como obxectivo lograr a anulación das eleccións previstas para o mércores pola imposibilidade de conseguir que se acepte a candidatura da CIG antes das votacións. A decisión adoptouse ao comprobar que a presión exercida pola empresa sobre os candidatos nacionalistas motivou a dimisión de catro deles, aínda que a lista segue a cumprir os requisitos ao estar integrada por un 60%. “Con moito esforzo e dende a clandestinidade logramos configurar unha candidatura de 10 persoas, das que catro abandonaron pola persecución á que foron sometidas pola compañía, explican dende a CIG-Valdeorras.

Pero Cafersa non só está a poñer trabas ás candidaturas, senón que tamén impediu que a central nacionalista puidese acceder ás instalacións do centro de traballo principal para realizar unha asemblea informativa. “Tivemos que repartir a nosa propaganda dende a porta e facer a asemblea dende fóra coa axuda dun megáfono”, sosteñen. Aínda que o episodio máis grave produciuse a continuación, cando os membros da CIG se dirixían a outro dos centros de traballo da empresa, situado nunha zona de montaña de difícil acceso. “Fomos interceptados por tres todoterreos que se nos cruzaron diante para bloquearnos o paso”, pero desistiron cando viron chegar máis coches con compañeiros/as”, denuncian.

Este tipo de actuacións contra a liberdade sindical rexístranse no sector louseiro dende as folgas promovidas pola CIG a finais dos 80. Neste senso, lembran que as denuncias da central nacionalista supuxeron a condena a penas de prisión dalgún empresario louseiro por atentar contra os dereitos sindicais. “A situación que estamos a vivir non vai facer máis que incrementar a conflitividade no sector porque imos estar aí teñamos ou non representación”, advirten, ao tempo que lembran que a principal consecuencia da actitude da patronal é que “teñamos no sector un sindicalismo de finais do século XIX en lugar dun de principios do XXI”.

cig.prensa@galizacig.com