Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 23/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Centos de persoas mobilízanse coa CIG en oito vilas contra unha reforma laboral que dinamita o mundo do traballo

A central sindical reitera que a medida só traerá máis precarización e un empobrecemento da clase obreira, pero que non facilitará a creación de emprego
Continuando coa campaña de mobilizacións contra a reforma laboral do PP, a CIG realizou na tarde deste mércores concentracións nas sete cidades galegas e en Vilagarcía nas que participaron centos de cidadáns/ás para amosar o seu rexeitamento a unha medida que só favorecerá a precarización das condicións laborais e un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora. A protesta convócase na véspera da aprobación do Proxecto de Lei de reforma do mercado laboral na Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso, que despois será remitido ao Senado para o seu debate.

A este respecto, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que participou na concentración da Coruña, matizou que o texto que saia aprobado na comisión de mañá xoves, previsibelmente será o texto definitivo da futura Lei de medidas urxentes de reforma do mercado laboral, posto que todo parece indicar que no Senado non se introducirán novas emendas.

Alén da crítica ao carácter antidemocrático co que se está realizando a tramitación da norma, Seixo advertiu que se podería dar o caso de que o documento aprobado pola Comisión de Emprego resulte incluso máis lesivo que o Real Decreto imposto polo Goberno español.

Fronte a isto, a CIG acordou convocar unha nova xornada de mobilizacións nas sete cidades galegas co obxecto de denunciar o verdadeiro alcance dunha reforma laboral que o PP vende como unha medida que favorecerá a creación de emprego, “cando na práctica o propio Goberno sabe que non é así”, subliña Seixo. De feito, o Secretario Xeral lembrou que as previsións de destrución de emprego que se barallan para este ano son realmente alarmantes, e fálase da eliminación de até 600.000 postos de traballo.

“Os verdadeiros obxectivos das medidas recollidas na reforma laboral van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento, rebaixar as condicións laborais, proporcionar man de obra barata á patronal e provocar unha caída xeneralizada dos salarios”, aseverou. Ademais, coa reforma do mercado do traballo preténdese tamén desmantelar unha arma fundamental para a mellora das condicións da clase obreira como é a negociación colectiva, dividir os traballadores/as e individualizar as relacións laborais.

Un goberno prepotente

Coas concentracións, a central nacionalista quere tamén denunciar a actitude de clara prepotencia do Goberno español, que a pesar da forte contestación social existente, continúa adiante coa imposición da reforma laboral, recollendo as directrices que están marcando a Unión Europea ou o Fondo Monetario Internacional en materia de políticas sociais e laborais.

Directrices que o Executivo de Mariano Rajoy segue sen dubidar, aínda cando sabe que estas medidas de recortes non favorecerán a saída da crise, nin facilitarán o crecemento económico e, polo tanto, a creación de emprego. “Os poderes económicos aproveitan a situación de crise para crear un escenario de relacións sociais e laborais favorábel para os seus intereses -tanto no presente como no futuro- e para debilitar a clase traballadora e que non poidamos enfrontarnos con forza a todas estas medidas de recortes de dereitos e precarizacións das condicións de vida e traballo”, denunciou Seixo.

Ante isto, a CIG advirte que proseguirá coas mobilizacións, conscientes de que a única resposta a estas agresións pasa pola mobilización social, e a loita empresa a empresa e convenio a convenio para tentar impedir que a reforma laboral se aplique na práctica.

Neste senso, a central nacionalista chama a continuar no proceso de acumulación de forzas para reverter todo o conxunto de políticas regresivas e de recortes e recuperar dereitos que levou conquistar e que nos están a ser roubados.

Enterro dos dereitos laborais e sociais en Vigo

No caso de Vigo, a mobilización consistiu nunha representación do “enterro dos dereitos sociais e laborais”. Unha comitiva fúnebre partiu da Porta do Sol para percorrer a rúa do Príncipe até o Marco, onde se celebrou o responso, para despois regresar ao punto de partida. O acto, no que participaron máis de 300 persoas, rematou coa intervención do secretario comarcal, Serafín Otero, que lembrou que a CIG seguirá a contestar na rúa os ataques contra a maioría social, a clase traballadora.

Galería de imaxes das concentracións

Vídeo da concentración de Lugo

cig.prensa@galizacig.com