Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 23/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A dirección de Caixa Galicia evita aclarar o futuro da entidade no País durante a celebración da Asemblea Xeral

A CIG votou en contra do Informe de Xestión e das Contas de 2008
O sábado 20 de xuño celebrouse en A Coruña a Asemblea Xeral de Caixa Galicia, o máximo órgano de goberno da Entidade. A aprobación das contas e a xestión do exercicio 2008 foi a máis contestada da historia, coa intervención dos Conselleiros de persoal, entre os que se atopa o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, pero tamén de clientes que denunciaron situacións de acoso.

José Luis Méndez, director xeral da entidade, apelou aos seus anos de mandato (dende 1978 dixo) e tratou de escudarse na difícil situación económica xeral por mor da crise, unha crise que dixo era froito do "azar", para xustificar a situación de Caixa Galicia, pero foi insuficiente para evitar que a xestión do ano 2008 fora a máis contestada.

Aprobación das contas

No punto relativo a aprobación das contas e da xestión do ano 2008, interveu o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, que anunciou o voto negativo da central e denunciou a ocultación de datos á Asemblea por parte da alta Dirección coa fin de evitar asumir responsabilidades.

Montero criticou a reestruturación á que esta sometida a Caixa e as repercusións laborais que vai ocasionar: peche total, parcial ou temporal de 105 oficinas, o peche de departamentos de servizos centrais, a desaparición das equipas de substitucións, o despedimento dos temporais, o impago da suba salarial pactada para este ano, a desaparición unilateral da retribución variábel no mes de xuño con efectos de xaneiro, e, por último, o “Plan Ocio y Trabajo” presentado hai uns días e que cualificou como “regulación temporal encuberta”.

Durante a súa intervención, o responsábel da Federación da Banca, referiuse á situación económica da Caixa, indicando que malia ser unha crise xeral, o modelo de xestión de cada Entidade incide sobre a situación actual atendendo ao modelo de expansión, de política comercial e de control de riscos, e a política de investimentos empresariais.

Preguntas á dirección

Montero foi o único Conselleiro que formulou unha serie de preguntas ao Director Xeral, preguntas que este pretendeu evitar tentando entrar nunha confrontación persoal co compañeiro da Banca.

O secretario nacional da CIG-Banca preguntou sobre as intencións de Caixa Galicia de acudir ao Plan de Rescate que prepara o Goberno Central ou se estaba aberto a unha fusión que levara a perda do carácter galego da Entidade e a desaparición da sede e dos servizos centrais da Coruña. A esta última cuestión, o Director respondeu que o representante da CIG tiña unha visión “reducida e pechada”, e que Caixa Galicia xa era unha Entidade estatal.

Así mesmo, Montero preguntou arredor das posíbeis dimisión ou ceses no equipo da alta dirección en asunción de responsabilidades pola mala xestión, pola opinión ante a cualificación por parte de Moodys (lembrándolle que na Asemblea 2007 se referira a eles como “mis amigos de Moodys”) da emisión de participacións preferentes como bonos lixo; e, por último, ante os recortes que afectan ao cadro de persoal pedíuselle que informase dos salarios individualizados da alta Dirección.

Malia evitar contestar a maior parte das preguntas, noutro punto e sen intervención previa da CIG, o Director Xeral dende o estrado dixo: “Sr Clodomiro sepa que me tiene usted enfrente”, demostrando así o seu nerviosismo ante quen lle pediu explicacións, algo ao que evidentemente non está acostumado. A esta actitude dende a sección sindical da CIG en Caixa Galicia contestaron que “se se trata dunha ameaza, que teña claro que non nos calará”.

Posteriormente interveu por CCOO, na Asemblea Caixa Galicia, o catalán Josep Olivé, nun ton crítico pero máis conciliador. Ao longo da súa intervención entrou tamén na situación do persoal, no peche de oficinas, nos recortes salariais e no acoso ao persoal.

Representación dos clientes

A sorpresa da xornada estivo protagonizada pola intervención dunha Conselleira Xeral en representación dos clientes, que explicou un grave caso de acoso laboral que está a padecer o seu marido nunha empresa participada pola Caixa, Inseco. O Director Xeral dixo, nun ton pouco afortunado, que falaría co Conselleiro Delegado desa empresa.

Plan de Xestión

No punto 7, relativo ao Plan de Xestión 2009 tampouco houbo unanimidade: a CIG votou en contra e CCOO abstívose.

“Votamos en contra do cambio impulsado por Caixa Galicia nas asembleas correspondentes aos exercicios 2006 e 2007, a mala situación actual é froito de aquela xestión. Pensamos que era hora de exixir responsabilidades”m subliñaron dende a Federación da Banca.

 

 

cig.prensa@galizacig.com