Os mediadores presentaron unha nova proposta ás traballadoras/es de Caramelo na reunión celebrada na mañá do xoves 23 de xullo, proposta que, sinalou a responsábel de Téxtil da CIG, Dores Martínez, chegou a través do Director Xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñán, e non da empresa.
A oferta presentada consiste en:
1.- Indemnizacións: 39 días por ano traballado, cun máximo de 60.000 euros e con tope que elevan de 32 a 34 mensualidades.
2.- A respecto dos despedidos e despedidas, serán readmitidos a todos os efectos, e poderán decidir si queren ou non extinguir o seu contrato.
3.- Compromiso de reinicio da actividade.
4.- Garantías de emprego a curto prazo, pero sen concretar ningún aspecto.
5.- En canto ao número de despidos a executar mantéñense na cifra dos 237.
6.- Retirada das denuncias penais aos 25 compañeiros sancionados e despedidos.
Unha vez presentada esta oferta, a empresa, pola súa banda, di que non asume a proposta de indemnizacións realizada polo mediador.
Dereito de veto
Así mesmo, segundo explicou Martínez, tamén asegurou que, aceptando a voluntariedade dos despidos, resérvase o dereito a veto para aquelas persoas que non estea de acordo con que se vaian. E que os despidos que resten para acadar as 237 baixas terán un carácter obrigatorio.
Para abundar máis na frouxidade da proposta, dende a dirección manifestouse que, aínda que exista un acordo entre a parte social e a empresa, non aseguran que se vaian retirar do concurso de acredores.
Diante destas premisas, Dores Martínez cualificou a proposición de “tramposa”, porque a empresa pretende en calquera caso reservarse un cupo de despedimentos obrigatorios. Neste senso a responsábel de Téxtil da CIG apunta que “non temos ningunha dúbida de que este cupo é para meter aos compañeiros sancionados e despedidos”. Ademais, continúa, aceptar este punto significaría non admitir despedimentos forzosos “e isto non podemos aceptalo”.
“Polo tanto, tendo claro que a CIG vai defender un non rotundo na asemblea desta tarde, e CCOO o si, falta agardar ao resultado das reunión das traballadoras e traballadores”. Unha asemblea que terá o inconveniente engadido da participación “dos esquirois para votar a proposta da empresa. Nós imos intentar impedir que participen na asemblea e tamén que voten”, afirmou Martínez.