Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 23/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG alerta da falta de medios no Servizo de Vixilancia Aduaneira de Galiza

A sección sindical na Axencia Tributaria advirte da necesidade de novas embarcacións capaces de facer fronte ás planeadoras
A sección sindical da CIG na Axencia Tributaria vén de denunciar novamente as carencias de medios humanos e técnicos no Servizo de Vixilancia Aduaneira de Galiza, que, alertan, continúa a ser porta de entrada do narcotráfico para Europa. Neste senso, lamentan a fata de persoal e de medios destinados á investigación, cada vez máis limitados polas restricións orzamentarias. Así, advirten que só existen dúas Bases con embarcacións rápidas capaces de facer fronte as planeadoras utilizadas polos narcotraficantes.

A CIG continúa a denunciar a falta de medios tanto materiais como persoais  que o Servizo de Vixilancia Aduaneira ten en Galiza. Hoxe en día, explican dende a sección sindical na Axencia Tributaria, só existen dúas Bases de Aduanas con embarcacións rápidas que poidan facer fronte ás planeadoras (Vilagarcía e Marín), xa que as Bases Marítimas de A Coruña e Vigo non contan con embarcacións deste tipo (as que existen non chegan aos 50 nós); ademais, faise urxente unha nova embarcación na Base de Muros, xa que a actual é moi antiga e obsoleta. A dita embarcación corresponde a vixilancia da Costa da Morte, aínda que actualmente só traballa quince días ao mes por falta de persoal. Tamén é preciso un cambio de embarcación na base marítima de Ribadeo, sinalan.

“Na CIG temos claro que a baixada de aprehensións no que vai de ano 2010 débese a falta de medios polos que está a pasar o Servizo de Vixilancia Aduaneira e non a que houbera un cambio de ruta dos clans que manexan o narcotráfico”, explica Antón Lestón, delegado da CIG na Axencia Tributaria. A sección sindical leva moitos anos denunciando en todas as instancias que se precisa máis persoal e medios dedicados a investigación, medios que van cada vez a menos coas restricións orzamentarias dos últimos tempos.

A este respecto, aseguran que os clans galegos do narcotráfico seguen activos nas costas galegas, nas que  operan as planeadoras para as descargas nas praias. Isto pode deducirse da aprehensión do Velero ARIEL IV  ao suroeste das Azores (mil millas) polo buque de Vixilancia Aduaneira  de Operacións Especiais Fulmar,  en colaboración cos Greco e Udico da policía nacional, e que se agarda que chegue a Vigo o vindeiro luns. Dito buque, explican, tripulado por dous británicos e un holandés, transportaba 1000 kg de cocaína na  cuberta e na cabina e estaba preparado para o pase a planeadoras. “Isto demostra que, en contra do que afirmaban tanto os altos cargos do Ministerio do Interior como da AEAT, Galiza nunca deixou de ser porta de entrada do narcotráfico para Europa”, alertan.

cig.prensa@galizacig.com