Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 23/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xunta desestima o segundo ERE de Sykes pero deixa a porta aberta a ampliar os despedimentos autorizados na primeira regulación

O Comité de Empresa esixe á Consellaría que resolva favorabelmente aos traballadores/as o recurso de alzada e aposte pola defensa clara dos empregos
A Consellaría de Traballo e Benestar vén de rexeitar a admisión a trámite do segundo ERE presentado por Sykes Enterprises para 127 traballadores/as da plataforma de A Coruña. A Xunta, tal e como se demandou dende o Comité de Empresa, entende que non é posíbel entrar no fondo do asunto xa que existen numerosos recursos de alzada contra a resolución do primeiro ERE, que aínda non foron contestados pola Administración galega.

Non obstante, na resolución, a Consellaría di literalmente “que non é posíbel entrar no fondo no asunto, autorizando ou non autorizando novas extincións, cando a resolución do recurso xa pode acordar eses mesmos despedimentos ou razoar a súa improcedencia. A empresa debe esperar a que se resolva o expediente en curso antes de presentar un novo ERE (con identidade de suxeitos, feitos e fundamentos) conforme coas conclusións de aquel”.

Con esta ambigua redacción, a Xunta deixa aberta a posibilidade de acordar os mesmos despedimentos que pretende a empresa con este segundo ERE mediante a resolución favorábel ao recurso de alzada presentado pola multinacional. Neste senso, a Presidenta do Comité e delegada da CIG, Dina Lema, lembrou que a resolución administrativa do primeiro expediente contiña numerosas deficiencias como que só se tiveron en conta os documentos e peticións da empresa, desoíndo e ignorando por completo os informes achegados polas Centrais Sindicais; a xurisprudencia utilizada é antiga e ten sido rebatida polo Tribunal Supremo ou que na resolución a Xunta nin sequera menciona que a aprobación do ERE poida supor unha mellora na viabilidade futura da empresa.

Dende o Comité esíxese novamente á Xunta de Galiza, e mais concretamente á coruñesa Beatriz Mato, menos ambigüidade e máis contundencia na defensa dos empregos, resolvendo favorabelmente aos traballadores e traballadoras o recurso ao primeiro ERE, e que impida unha nova vaga de despedimentos nunha empresa que é rendíbel, que o ano pasado obtivo beneficios e que está a desviar a carga de traballo a plataforma de Ponferrada. 

cig.prensa@galizacig.com