Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 23/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Executiva Confederal da CIG proporá a CCOO e UGT os días 26 ou 27 de setembro para a convocatoria de folga xeral

O vindeiro xoves, reuniranse na sede da central sindical os tres secretarios xerais, xunto cos secretarios de organización, a nivel estatal, destes dous sindicatos
A Executiva Confederal da CIG, reunida esta mañá, acordou propor a CCOO e UGT a convocatoria de folga xeral para os días 26 ou 27 de setembro. A central considera que o anuncio debería facerse de forma inminente para comezar a traballar xa cun horizonte concreto, convocando novas mobilizacións preparatorias nos meses de agosto e setembro. Esta proposta será trasladada na xuntanza que terá lugar na sede da CIG de Compostela o xoves, ás 12:00 horas, na que participarán os tres secretarios xerais, xunto cos secretarios de organización de CCOO e UGT a nivel estatal. 

A Executiva Confederal da CIG reuniuse este luns para analizar as consecuencias das medidas aprobadas polo Goberno do Partido Popular e valorar as primeiras mobilizacións convocadas en resposta ás mesmas. A central sindical fai unha valoración altamente positiva ante a masiva participación nas manifestacións que, segundo o secretario xeral, Suso Seixo, “foi das máis altas do estado”. Unha resposta que “demostra o nivel de sensibilización e de preocupación que hai a nivel social respecto da dureza das medidas e do carácter regresivo das mesmas”.

Para a CIG cómpre agora darlle continuidade con novas mobilizacións sociais, ben no ámbito da área pública, ou de carácter xeral, que se irán concretando nos próximos días. Para iso, a Executiva acordou propor a CCOO e UGT un calendario de mobilizacións durante os meses de agosto e setembro. Xunto a isto entende que hai que dar un paso máis alá, dado que as medidas de recorte “son durísimas e, polo tanto, cómpre responder coa mesma intensidade”.

Por iso trasladará, na xuntanza deste xoves, a necesidade de anunciar xa a convocatoria dunha folga xeral para os días 26 ou 27 de setembro. “Entendemos que non pode ir máis alá deses días, que non se pode dar máis tempo para anuncialo e que, en todo caso, non pode atrasarse, en todo caso adiantala”, explica Seixo.

É partidaria, ademais, de promover un encontro sindical a nivel de estado para pórse de acordo na data tamén cos sindicatos vascos, que xa anunciaron a convocatoria de folga xeral en Euskal Herria para o día 26 de setembro, “para conseguir a maior participación posíbel”, explica o secretario xeral da CIG, “buscando o apoio de todas as organizacións sindicais e sociais que quixeran sumarse á mesma”.

A CIG considera que o que está a pasar nestes momentos demostra, tal e como se viña advertindo, “que estas políticas de recorte do investimento público e do gasto público, non só non están servindo para parar a política especulativa dos mercados coa débeda pública senón que están a provocar que se acentúe, favorecendo unicamente os intereses da banca e dos especuladores. Hai que optar por outras que axuden a reactivar a economía e crear emprego”.

cig.prensa@galizacig.com