Dende a CIG-Servizos de A Coruña explican que a decisión de convocar folga chegou de xeito forzado logo de que a empresa concesionaria do servizo, Urbaser, se negase a negociar o novo convenio colectivo. As principais reivindicacións do persoal pasan por unha suba media dun 2% no salario base e un 1% no plus de vestiario e unha xornada de 37 horas e media. Demandas que, denuncian, a empresa entende “excesivas”, a pesar de que o orzamento da concesión do servizo se duplicou dende xullo do pasado ano.
Neste senso, Xosé Lois Martín Freire, responsábel de limpeza viaria da Federación de Servizos, subliña que “os/as traballadores/as teñen unhas reivindicacións moi sensatas para os tempos que corren”, especialmente tendo en conta que dos máis de 495.000 euros abonados polo Concello a Urbaser, a empresa só destina 225.000 ao custe total do persoal.
Así mesmo, dende a CIG-Servizos quérese denunciar os abusivos servizos mínimos estabelecidos para a folga, pois do cadro de persoal de 12 traballadores/as, 9 terán que acudir ao seu posto con normalidade.
De non acadarse unha solución satisfactoria entre as partes durante a xuntanza convocada polo alcalde do Concello para a tarde deste luns, a folga iniciarase con carácter indefinido a partir das 00:00 horas do martes 24 de agosto.