Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 23/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Paro en Extel para reclamar a readmisión do persoal despedido e contratos con dereitos laborais

Demandan a readmisión das compañeiras e compañeiros despedidos e contratos dignos e con dereitos
A precariedade medra nas empresas a consecuencia das últimas reformas laborais. Así ocorre en Extel. Unha empresa de telemarketing que está a despedir a traballadoras e traballadores do cadro de persoal e a contratar a través dunha ETT do propio grupo, Adecco, pero só de luns a venres, despedindo durante a fin de semana. Ante isto, CIG e CGT convocaron o pasado martes un paro, logo de varias concentracións, para demandar a readmisión das persoas despedidas e reclamar dereitos laborais para os novos contratos temporais.

Susana Nogueira, delegada da CIG, explica que desde hai aproximadamente mes e medio veñen sucedéndose despedimentos indiscriminados. “Están botando á xente, xustificando os despedimentos, nuns casos por baixa produtividade, e noutros aplicando directamente a nova reforma laboral. É un goteo constante. Cada luns e cada venres vai caendo unha persoa”.

Matiza que moitos destes despedimentos, que afectan ao cadro de persoal de Extel, están sendo desbotados no propio SMAC. E denuncia que o principal problema é o novo tipo de contratos que se están a asinar, a través da ETT Adecco, que forma parte do mesmo grupo. “Son contratos que se asinan o luns e rescinden o venres e que unha vez pasada a fin de semana vólvense asinar o luns para rematar novamente o venres. O sábado e o domingo non están contratados. A moitas destas persoas envíanlles un sms e dinlles que se queren traballar se presenten no mesmo día”.

Desde que comezou a darse esta situación CIG e CGT convocaron concentracións de delegadas/os para demandar a readmisión das compañeiras e compañeiros despedidos e contratos dignos e con dereitos. Dereito a descanso, dereito a vacacións e dereito a unha mínima estabilidade. Porén, “15 minutos despois da última, despediron a un traballador. Unha provocación”, afirma Nogueira.

A prepotencia da empresa, os despedimentos e as abusivas condicións laborais provocaron a convocatoria do paro do martes. E é que tampouco está moito mellor o persoal de Extel que o contratado a través da ETT. En moitos casos, as xornadas son de 20 ou 25 horas e os contratos asínanse mes a mes.

A delegada da CIG lamenta esta grave situación e subliña que aínda que falaron coas traballadoras e traballadores, a maioría non di nada. “O persoal contratado pola empresa de traballo temporal está moi desgustado pero ninguén protesta. Son conscientes da grave situación na que están, pero ante as dificultades de atopar un traballo, consideran que é mellor isto que nada”.

Con iso xogan as empresas: co medo a quedar sen ingresos, a pasar a ser un número máis nas listas do paro e a non atopar unha alternativa laboral mellor. Con iso e cunha lexislación laboral deseñada a medida das súas necesidades, para deixar á clase traballadora sen dereitos e en situación de extrema precariedade mentres manteñen, e mesmo incrementan, a súa marxe de beneficios. E contra iso mobilizáronse en Extel e en demanda da readmisión das traballadoras e traballadores despedidos e dunhas condiicóns laborais dignas para o conxunto do persoal.

cig.prensa@galizacig.com