Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 24/1/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

FESGA publica unha entrevista coa deputada Olaia Fernández sobre o debate parlamentario da reforma das pensións

A fundación da CIG ofrece tamén un traballo audiovisual sobre Venezuela e novos documentos arredor do DRIL
A Fundación para o Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical en Galiza (FESGA) vén de publicar na súa páxina web unha vídeo-entrevista con Olaia Fernández Davila, ex-dirixente do sindicalismo nacionalista e parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados estatal, na que se aborda o debate da reforma das pensións no parlamento español e na comisión do Pacto de Toledo. A fundación da CIG tamén pon a dispor das persoas interesadas un traballo audiovisual sobre a revolución bolivariana e o poder obreiro en Venezuela, así como novos documentos arredor do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). 

A entrevista con Olaia Fernández inclúe unha valoración dos recortes e medidas antisociais realizados polo Goberno de Rodríguez Zapatero. Para a deputada nacionalista “as reformas respostan á capitulación do goberno fronte ao gran capital”, unha situación na cal “é necesario seguir a defendermos as conquistas sociais”. Segundo Olaia Fernández, “se desde os Orzamentos Xerais do Estado se pagasen os complementos a mínimos, que son os que garanten as pensións mínimas actuais máis as bonificacións das cuotas á Seguridade Social aos empresarios nos contratos de fomento de emprego, a Seguridade Social aforraría 7000 millóns de euros anuais”, un exemplo evidente de que é posíbel obter recursos sen necesidade de aplicar graves recortes antisociais que fan pagar á clase traballadora o custe da crise.

A FESGA pon tamén á disposición das persoas interesadas outra interesante video-entrevista, nesta ocasión con Gonzalo Gómez, cofundador do dixital venezolano Aporrea.org e integrante do PSUV, na que se respostan os principais interrogantes que xorden a respecto da situación do proceso revolucionario no que está inmersa Venezuela: ¿En que situación está a revolución bolivariana? ¿Que impacto ten o regreso á Asemblea Nacional da oposición antichavista? ¿Foron representativos os resultados electorais da oposición?. Ao mesmo tempo, Gómez fai unha breve presentación das incipientes experiencias en materia de control obreiro. ¿En que consiste o control obreiro? ¿Cal é o seu grao de implantación? ¿En que sectores? a estas e outras cuestións ofrece respostas.

Finalmente, a fundación da CIG ofrece novos documentos arredor do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) xusto cando se cumpren 50 anos da toma do buque Santa María por parte dunha organización que se definía como antifascista e que combatía as ditaduras de Salazar e Franco, en Portugal e no Estado español respectivamente.

Preme aquí para acceder á web da FESGA.

cig.prensa@galizacig.com